Bretoña celebrará o 22 de abril a Festa da Bola de Liscos e das Freces

A localidade de Bretoña, na Pastoriza, vivirá o día 22 de abril a décima edición da súa Festa da Bola de Liscos e das Freces, que novamente reunirá aos amantes destas dúas especialidades da zona.

Esta celebración está organizada pola Asociación de Amigos da Feira de Bretoña xunto co Concello da Pastoriza, que quixeron facer desta edición un momento moi especial ao celebrar o décimo aniversario.

Na programación figura o pregón, que estará a cargo do periodista da TVG Antón Galocha, que falará tras a benvida do alcalde, Primitivo Iglesias, a partir do mediodía.

A degustación, que terá lugar baixo unha gran carpa, dará comezo sobre as 13.00 horas, aínda que os postos estarán abertos desde as 10.00 horas na praza Maior de Bretoña.

Nesta edición e para festexar o décimo aniversario, haberá tamén outra carpa na que se fará unha mostra de artesanía e doutros produtos da zona, para complementar a exposición da feira, que se prolongará ata a tarde.

Durante toda a mañá haberá tamén unha exposición de coches antigos e servizo de polvo a cargo da Mario de Viveiro.

Pero a festa arrincará xa o sábado pola tarde, ás 21.00 horas cunha pulpada e unha verbena a cargo do trío Maracuyá e a solista Verónica Cambón.

A bola de liscos é un prato da zona elaborado con masa de pan, panceta afumada, chourizo e berzas, o que se coñece como cociña con produtos de subsistencia pero cun resultado espectacular. Este ano, para darlle todavía máis relevancia, as bolas estarán elaboradas con produtos do porco celta. Para os que non coñezan este produto, ten moito parecido cunha empanada gorda pero moi xugosa e sabrosa. Esto é debido aos liscos do seu interior e o sabor é pola cobertura de berza coa que se mete ao forno.

 

Etiquetas