A rabadesa Gergana Dimitrova, medalla de prata nos campionatos de España de loita

A rabadense Gergana Dimitrova obtivo esta fin de semana en Madrid a medalla de prata en menos de 68 kg nos campionatos de España Sub23. Trátase dun premio que non só da relevancia ao labor desta deportistas, senón que pón en valor o espallamento deste deporte entre as rapazas da provincia.

A prata súmase ao bronce acadado por Laura Arias no campionato de España sénior. As deportistas do Rábade adestran baixo as ordes de Marcos Carral, deportista e técnico do Vilalba, que desenvolve a escola veciña e que a través dunha axuda específica da Deputación Provincial pode garantir o adestramento diario dos principais deportistas da provincia compaxinando os adestramentos nos seus clubs e os adestramentos no club vilalbés.

Do Vilalba temos que destacar o bronce de Adrián Imedio en menos de 57 kg, deportista que xa acadara a prata no absoluto de febreiro, e o 5º posto de Roberto Díaz en menos de 65 kg.

Carlos Yobani García, que partía como favorito en menos de 70 kg, non puido participar ao lesionarse xusto a semana antes da competición. No seu lugar participou o vigués Rafael Álvarez do Club San Ignacio que á postre acadou o ouro. Rafael, a pesares de ser vigués e adestrar no seu club de orixe, é un habitual dos adestramentos en Vilalba a onde acude antes das principais citas deportivas co obxectivo de acadar a óptima forma deportiva polo que o seu ouro tamén queremos celebralo.

Etiquetas