Muras celebrará a III Romaxe Artesá da Chaira o 26 de maio

O sábado 26 de maio vaise celebrar no concello de Muras a III Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.

“Dende o concello creemos que o máis importante é poñer en valor o rural e o traballo que se leva a cabo nel, como unha forma de vida e polo tanto a romaxe constitúe unha maneira de darlle visibilidade a través das mostras de oficios artesanais, obradoiros para pequenos e maiores, baile tradicional, os xogos tradicionais e as charlas sobre proxectos de desenvolvemento sostible que sirvan como exemplos para futuras e futuros creadores a través da súa experiencia emprendedora”, explica o alcalde do concello, Manuel Requeijo.

Nesta cita tan sinalada, participará a Asociación Obradoiros Artesáns da Terra Chá que ensinará a súa arte e oficio, como o torneado de madeira, a cantería, a olería, a moda, a cestería, a música, o ferro, etc.

“As exposicións levarannos a viaxar na nosa memoria e recordar as tradicións que había antes na zona, os traxes tradicionais terán o seu oco, así como o nacemento da empresa Ferroplast, que contará cunha exposición onde se narrarán os orixes artesanais desta empresa”, engade. E por suposto, tamén contarán cunha mostra dos traballos realizados no obradoiro de manualidades de Muras.

E para pechar o día contarán coas actuacións musicais de Davide Salvado e Sonoro Maxín. Desta forma festiva, porase punto e final á terceira edición desta romaxe, que empeza a consolidarse na comarca como unha cita para os amantes das artes tradicionais e do rural.

Etiquetas