Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Os delitos contra o patrimonio rexistraron un descenso en Guitiriz durante o ano 2017

Por 16 Abril, 2018Sin comentarios

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, copresidiron a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se constatou un significativo descenso dous delitos contra o patrimonio rexistrados no municipio durante o ano 2017.

Ademais do subdelegado e da alcaldesa, na xuntanza participaron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

A taxa de criminalidade de Guitiriz sitútase nas 16,67 infraccións penais por cada mil habitantes, o que supón máis de 4 puntos por debaixo da media provincial, 10,73 por debaixo da media galega e 27,23 por debaixo da nacional, atendendo aos datos oficiais feitos públicos polo Ministerio do Interior.

As estatísticas da Garda Civil analizadas na xuntanza revelan un significativo descenso dos delitos contra o patrimonio e dos delitos contra as persoas rexistrados o ano pasado en Guitiriz, precisamente dúas das tipoloxías que maior preocupación xeran entre a cidadanía. Pola contra, soben lixeiramente os delitos contra a seguridade colectiva, como son os delitos contra a seguridade vial e contra a saúde pública, e os delitos contra a liberdade, tales como ameazas ou coaccións, se ben a súa incidencia segue a ser moi baixa no municipio, cunha media por debaixo dunha denuncia ao mes en cada un destes tipos penais.

O subdelegado do Goberno valorou “os bos resultados” do traballo desenvolvido polos corpos de seguridade con competencias en Guitiriz ao tempo que destacou o elevado índice de efectividade policial que se acadou. De feito, a Garda Civil esclareceu o 53% dos feitos delictivos rexistrados durante o pasado ano neste concello, unha porcentaxe que sobe ata o 74% no caso dos delitos de maior consideración (os catalogados como graves e menos graves). Os axentes detiveron a nove persoas e investigaron a outras 32 pola súa implicación en feitos constitutivos de delito.

Ramón Carballo informou tamén do labor desenvolvido nos centros de ensino de Guitiriz ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Este plan pretende reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesorado sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No actual curso académico, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade impartiron 4 charlas nos centros CEIP Plurilingüe Lagostelle y CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga, do municipio chairego: 2 sobre os riscos de internet e as novas tecnoloxías, 1 sobre violencia de xénero, e outra sobre o acoso escolar. Están pendentes de realizar outras 2 charlas sobre prevención de lumes forestais, a cargo de efectivos do Seprona. No curso 2016-2017, os centros guitiricenses acolleran un total de 7 charlas nas que se abordaron as mesmas temáticas.