Skip to main content
A PastorizaActualidade

Pastoriza buscará que a Festa da bola de liscos sexa de Interese Turístico de Galicia

Por 16 Abril, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde; o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra, e o presidente da Asociación de Amigos da Feira de Bretoña, Luís Lindín Loisanos, presentaron a X Edición da Festa de bola de liscos e das freces da Pastoriza, que se celebrará os días 21 e 22 de abril, na que colabora o Goberno da Deputación cunha achega de 3.000 euros. Ademais nesta ocasión, tamén haberá unha exposición dun selecto grupo de materiais de artesanía como pezas de olería, traxes tradicionais e cestería.

O Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, avanzou que o Concello está traballando para declarar esta cita gastronómica Festa de Interese Turístico de Galicia.

A festa comeza o día 21 de abril, sábado, con festa e verbena a cargo do trío Maracuya e a solista Verónica Cambón. O día grande o 22 de abril, domingo, comeza ás 10:00 horas coa apertura do recinto feiral na Praza Maior, a partir das 12:00 horas o xornalista local, Antón Galocha será o encargado de pronunciar o pregón desta festa. E a partir das 13:00 horas ábrese a carpa coa degustación da bola de liscos e das freces.

Ademais, durante estas dúas xornadas haberá postos de artesanía, gastronomía, exposición de coches antigos e polbo polas rúas da vila. E como novidade, o CENTRAD da Deputación exhibirá un selecto grupo de materiais de artesanía como pezas de olería, traxes tradicionais e cestería.

A organización, con motivo do X aniversario da Festa ten previsto facer unha degustación gratuíta de mexilóns polos bares do Concello o sábado 21 de abril, e o domingo dia 22, haberá degustación na carpa da feira.

A bola de liscos está feita sen moldes sobre verzas con liscos, touciño, chourizo, e será elaborada con produtos de porco celta; e a bola de freces pode considerarse un postre-comida, típico da zona da Pastoriza. Para a súa elaboración son necesarios manteiga, ovos, fariña, pan e leite.  Os visitantes poderán desgustar estes exquisitos produtos tradicionais por un prezo de 2 euros cada ración.