Un programa de reforzo educativo busca nas Pontes a desaparición do risco de exclusión social

O Concello de As Pontes, a través da área de Benestar, está desenvolvendo un programa educativo dirixido a promover, entre os rapaces do municipio que se atopan en risco de exclusión social, a igualdade de oportunidades.

O programa “Adolescentes en conflito”, con cargo ós fondos municipais, ten como obxectivo reducir as dificultades educativas dos rapaces do municipio por medio de talleres formativos, nos que, dun xeito individualizado, se promoven aptitudes e actitudes positivas cara o estudio, foméntase a motivación e trátase de reducir o conflito social, emocional ou educativo que presentan os menores.

Neste sentido, desde o Concello, José Alén incide en que: “O programa está destinado a favorecer o éxito escolar e a proporcionándolles ós rapaces un conxunto de recursos pedagóxicos e de habilidades sociais que incidan no seu rendemento escolar. Desde o Concello de As Pontes tratamos de promover entre o alumnado bos hábitos de estudio e pautas de comportamento que eviten o risco de exclusión social ó tempo que lles ofrecemos un abano de oportunidades ás que doutro xeito non terían acceso”.

Neste programa municipal, no que participan quince rapaces dos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce impártense, de luns a venres, clases de reforzo educativo en materias como matemáticas, inglés ou lingua así como atención pedagóxica e psicolóxica a través da que se aborda a situación socio-familiar na que se conforma a educación do menores. Este programa tamén inclúe un acordo de colaboración cos centros de secundaria do municipio para atender ó alumnado que, durante o curso escolar, foi expulsado dos centros.

Coa intervención de mestres, orientadores sociais e o persoal da área de Benestar do Concello de As Pontes, o programa aposta por una atención integral do alumnado que contempla todos os aspectos psicosociais que inflúen na súa educación, tanto os que afectan a súa contorna familiar como social, para préstalles o apoio concreto que precisan e evitar o risco de exclusión social.

Por outra banda, Alén tamén quixo remarcar que: “Este programa permite que os centros educativos do municipio poidan contar cos servizos dun grupo de profesionais do ámbito socioeducativo para realizar accións específicas co alumnado que o precisa, complementado a importantísima tarefa que realizan na formación e educación dos rapaces da vila, dos ponteses do futuro”.

Etiquetas