O BNG de Castro de Rei pide transparencia na ordenanza de ocupación de espazo público

A voceira do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón, reclamou “transparencia” na ordenanza municipal que regulará a ocupación de espazo público. Esta normativa afectará, fundamentalmente, aos hostaleiros que colocan terrazas no exterior dos seus establecementos. “Queremos que todo o mundo saiba que esta ordenanza está en período de exposición pública para que se poidan presentar as correspondentes alegacións e a ordenanza sexa o máis beneficiosa posible para os intereses de Castro e das súa veciñanza” afirmou Digna Lagarón.

O BNG xa presentou en xullo do 2017 unha proposta para que se regulara a instalación de terrazas con veladores, mesas e cadeiras nas beirarrúas, os postos do polbo e os de venta ambulante nas feiras quincenais e no mercado semanal, para facer compatible o uso destas actividades sen limitar ou prexudicar os dereitos do resto da veciñanza. Agora o texto desta ordenanza permanecerá en periodo de exposición pública ata o 14 de maio “pero existen importantes carencias en canto á transparencia por que nin se lle deu publicidade, nin se colgou a información na páxina web municipal” dixo a voceira do BNG

O texto da Ordenanza Reguladora da ocupación do espazo público para a instalación de terrazas de hostalería e a súa correspondente ordenanza fiscal, está a exposición pública no Concello de Castro de Rei, en horario de oficina, ata o día 14 de maio (BOP de Lugo do 14 de abril de 2018). O BNG reclama que o Alcalde lle dea publicidade na páxina web do Concello, colgando o texto integro destas ordenanzas, e informe aos directamente afectados. Por último, convida a veciñanza de Castro de Rei a informarse sobre o contido desta ordenanza e a presentar, si o consideran oportuno, emendas ou suxestións para mellorar o seu texto.

Etiquetas