A Festa da Filloa cumpre hoxe 10 anos da súa declaración de como Festa de Interese Turístico de Galicia

A Festa da Filloa de Muimenta celebra este mércores 25 de abril, o décimo aniversario da declaración desta celebración como Festa de Interese Turístico de Galicia. A data escollida para este aniversario é a da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Con motivo deste festexo, o xerente da Moexmu e tamén da comisión organizadora da Festa da Filloa quixo deixar constancia deste fito histórico a través das seguintes palabras:

709 Filloas

Cando aló polo ano 2006 comecei a buscar a historia dos inicios da Festa da Filloa, que se remontaba ao 1992, non sabía onde me metía. A idea de redactar un expediente que recompilase toda a información sobre esta cita gastronómica que se celebra no corazón da Chaira todos os primeiros de maio era eso, soamente unha idea. Pero cando, co tempo e a ratos libres, se foron ordeando as fotos, os recortes de prensa, os pregóns, as receitas, os traballos de debuxo e relato dos máis novos e as relación dos colaboradores… todo foi collendo forma.

‘709 filloas’ (folios) conformaron os catro tomos que en xullo do 2007 se presentaron no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo para intentar acadar un soño, que a nosa Festa da Filloa fose recoñecida como de Interese Turístico de Galicia. Aínda que fora un ano de recompilación e de elaboración dun expediente que resumía toda a historia da Festa da Filloa de Muimenta e o traballo estivese feito, o percorrido estaba sen empezar.

Foron meses de intriga, de non saber se obteriamos o aprobado por parte das autoridades, aínda que no fondo, toda a veciñanza de Muimenta e dos seus arredores sabiamos que tiñamos, non só o aprobado, senón a nota máxima, a matrícula de honra.

Dende os seus comezos, o éxito da Filloa de Muimenta radica nos seus veciños, non só nos da vila, senón tamén nos dos pobos cercanos. Sen a súa axuda, sería imposible sacar, edición tras edición, esta festa adiante.

Uns fan as filloas, outros o churrasco e os criollos, outros preparan o café e a queimada, estoutros atenden aos comensais do comedor. Case 200 persoas que sacrifican un día festivo, o do traballo, para xusto eso, traballar e dar o mellor de si a todos os que acoden ao recinto feiral Manuel Vila López. Outra maneira máis de dignificar o traballo e a maneira de vivir no rural, onde cada veciño arrima o ombro para axudar ao outro, e onde, sobre todo, se busca o beneficio común, o do teu pobo.

No mes de xaneiro do 2008, as ‘709 filloas’ deron os seus froitos, e recibimos carta, si, carta, da Xunta de Galicia, na que nos dicían que SI, que SI, que cumpriamos as condicións do Decreto 39/2001. Toda a comisión de valoración emitía o seu voto UNÁNIME; estabamos cada vez máis preto, case tocándoo. A nosa antigüidade, as nosas singularidades, o arraigo da Filloa, a gran cooperación dos veciños, os seus valores culturais…

E así foi. Ás poucas semanas, e xunto á Festa do Ourizo de San Cibrao, acadabamos o título. A nota ao noso traballo, ao noso esforzo. Pasamos a integrar o listado de Festas de Interese Turístico de Galicia e ambas citas quedaban, sen búscalo, unidas.

Queremos, dende aquí, dar as GRAZAS a todos e cada un dos que a idearon, a organizan, participan, traballan, acoden, visitan… en definitiva, a todos aqueles que, dun xeito ou doutro, contribúen ao seu éxito.

Dar a GRAZAS tamén aos que virán, xa que temos que lembrar que a Festa da Filloa ten futuro, a Moexmu ten futuro e Muimenta ten futuro.

A todos e a todas, moitas grazas.

José Manuel Rus Rodríguez

Xerente da MOEXMU, veciño de Muimenta.

Etiquetas