Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes achega o método educativo Montessori aos nenos do municipio

O Concello de As Pontes, a través do Programa de Conciliación Familiar, posto en marcha pola Concellería de Deporte e Mocidade, deu a coñecer entre os rapaces do municipio o método educativo Montessori.

Durante esta nova edición do Programa de Conciliación Familiar, que se desenvolveu entre os meses de outubro e abril, máis de 100 nenas e nenos, con idades comprendidas entre os 2 e os 10 anos, puideron achegarse a este modelo educativo ideado para promover a autonomía, a curiosidade e a adquisición de novos coñecementos e habilidades a través dos xogos e as actividades lúdicas.

Desde o Concello de As Pontes, Jesús Tembrás, responsable de área, sinala que “o Programa de Conciliación Familiar xurde da necesidade de dar respostas á complexidade que representa o desenvolvemento da vida laboral e familiar pero tamén da necesidade de atopar alternativas de ocio e aprendizaxe que permitan potenciar a creatividade, a independencia e que contribúan, de xeito activo, á educación e formación integral dos veciños máis novos do municipio”.

Deste xeito, todos os sábados, un grupo de profesionais do ámbito da pedagoxía e a educación, a través de diferentes sesións, traballaron o desenvolvemento da lóxica e o razoamento infantil con actividades baseadas na clasificación, ordenación ou identificación de obxectos mentres que, durante as sesións destinadas ás matemáticas e a alfabetización, os nenos que participaron neste programa municipal, aprenderon a escribir a partir dos sentidos e a entender conceptos matemáticos que logo sentarán as bases para o álxebra e a xeometría.

Tamén houbo espazo para as actividades sensoriais encamiñadas a axudar ós máis pequenos a coñecer a súa contorna e sesións de práctica diaria que tiñan como obxectivo promover o autocontrol do movemento e axudar a organizar o pensamento do participantes.

Jesús Tembrás mostrase moi satisfeito con resultados obtidos durante esta edición do programa de Conciliación Familiar do Concello de As Pontes e aposta por seguir, nos vindeiros anos, coa mesma liña de traballo para “converter ós rapaces nos protagonistas da súa propia formación,  ofrecerlles oportunidades de aprendizaxe e contribuír á educación dos ponteses do futuro atendendo, ó mesmo tempo, ás necesidades de conciliación que precisan as familias do noso municipio”.