Javier Gómez e Antonio Riveira gañan o IV premio de investigación Xermade na Historia

TerraChaXa
O xurado do IV Premio de Investigación Xermade na historia outortou por unanimidade o primeiro premio a Javier Gómez Vila e Antonio Riveira Requeijo, autores do traballo Xermade na prehistoria.
xermadenahistoria
4 May 2018

O xurado do IV Premio de Investigación Xermade na historia outortou por unanimidade o primeiro premio a Javier Gómez Vila e Antonio Riveira Requeijo, autores do traballo Xermade na prehistoria. A paisaxe arqueolóxica no paleolítico, megalitismo e calcolítico. O segundo foi para o estudo Patrimonio artístico-relixioso do concello de Xermade: igrexas, capelas e ermidas, da autora Sofía Palacios.

O xurado calificou o traballo gañador "como un estudo completo no que se valora moi positivamente a extensión e contextualización do mesmo, que se considera necesaria e se fai cunha visión moi didáctica, de xeito sitúa o patrimonio dun xeito atinado. Non só aporta información sobre a arqueoloxía das distintas parroquias do concello, senón que as compara con outros concellos, o que nos deixa ver a investigación realizada na contorna. Ademais de ser un traballo extenso, completo e de doada lectura, tamén se considera oportuna a aportación do diario de Bouza Brey xa que é moi interesante a aportación do catálogo de xacementos".

O xurado acordou conceder o segundo premio ao traballo Patrimonio artístico-relixioso do concello de Xermade: igrexas, capelas e ermidas, da autora Sofía Palacios, valorando o obxecto de estudo, así como a súa presentación e a ilustración. Do cal sinalaron que "é un traballo moi descriptivo, con moita información e conta con boa fotografía e acuarelas propias da autora, algo que o fai orixinal para a súa presentación".

Conforme coas bases do certame, os premios a conceder son de 2.000€ para o primeiro e 1.000€ para o segundo, ademais de recibir un diploma acreditativo.

O xurado do IV Premio de Investigación Xermade na historia estivo composto por Roberto García Pernas, alcalde do concello de Xermade; José Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación de veciños de Cabreiros, e Antonio Reigosa Carreiras, Manuel Souto López e Ramón Villares Paz como especialistas.

 

0.17792201042175