En Marea pregunta á Xunta os prazos de execución das inversións en Rozas

En Marea pediu en Lugo que tanto a Xunta como o goberno central cumpran coas necesidades da provincia e da súa capital. As dúas frontes nas que En Marea centrou a súa atención foron o Centro de Investigacións Aeronáuticas de Rozas e a situación do transporte na provincia tralo anuncio feito por Feijóo e o ministro de Fomento, sobre o tren en Lugo.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal, participaron na visita organizada pola Consellería de Industria a Rozas. Esta visita foi inicialmente solicitada polo grupo parlamentario de En Marea como unha visita de traballo para coñecer fundamentalmente dous aspectos: o cumprimento dos prazos dos proxectos que se están executando, e o número de postos de traballo que está xenerando esta inversión pública en relación cos fixados nos proxectos e anunciados pola Xunta. A pesar de que Industria cambiou unha visita de traballo por unha propagandística, Luís Villares preguntoulle ao conselleiro se estaba satisfeito coa execución dos prazos. Para En Marea hai un incumprimento flagrante dos prazos que, como explicou o seu voceiro, “afectará as axudas procedentes de Europa porque se os prazos non se cumpren esas axudas non se poderán facer efectivas”. No mesmo sentido, Luís Villares preguntouse unha das empresas adxudicatarias deste proxecto, Indra, estaba cumprindo coa súa parte, “posto que En Marea ten constancia de que ten un serio desfase no seu cumprimento temporal e tampouco está contratando o número de traballadores que figuraban inicialmente vencellados a esta adxudicación”.

Villares apuntou que a Xunta falou en Rozas de 200 postos de traballo, pero Indra agora mesmo non ten contratadas a máis de tres persoas”. O voceiro insistiu que En Marea está a favor “do desenvolvemento de Rozas, pero non imos permitir que Rozas se convirta nun pelotazo I+D e que os cartos das galegas non se aproveiten para mellorar as súas condicións”.

Catro iniciativas do transporte en Lugo

O voceiro de Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou en Lugo catro iniciativas dirixidas a Fomento despois do desembarco que nos lembra á película de Berlanga “Benvido Mr. Marshall”.

“Durante anos nunca se lembraron das deficiencias, das insuficiencias e do atraso de Lugo en materia de infraestruturas ferroviarias e viarias. Os Orzamentos do Estado para este ano 2018 son outra mostra máis do abandono ao que sempre condenaron ao territorio lugués. Entón, que é o que cambiou para que se produza esa artillería de anuncios?”, preguntouse Fernán Vello.

En Marea solicitou a comparecencia do Ministro de Fomento “para que concrete o calendario temporal de actuacións para a conexión de altas prestacións Lugo-Ourense, explique a disposición de dotacións económicas, os tempos de viaxe e o proceso administrativo para cumprir co prazo prometido de que haberá tal liña no ano 2021, máis alá das luces de neón e da propaganda”.

“Interpelámolo en varias iniciativas para que poña luz e concreción tanto ao anunciado en materia ferroviaria, como aos anuncios feitos sobre as estradas de titularidade estatal”.

En canto ás estradas. Por fin miran para viais da súa competencia que levan anos de abandono e de falla de mantemento e que en moitos casos parecen camiños en lugar de estradas. “En Marea conta no Congreso con numerosas iniciativas parlamentares nas que esiximos o arranxo e melloras nas destrozadas e impracticábeis estradas, entre moitas elas N-540, N-547, N-VI, A-6, N-642, N-640, N-634, ou as nosas abondosas denuncias de falla de solución para os peches da A-8.

“Esto precisa unha solución, como tamén o desmantelamento da antiga liña de FEVE, os raquíticos servizos Media Distancia entre Lugo e A Coruña; Lugo con Monforte e Ourense, ou a falta de conexión ferroviaria de Lugo coa capital de Galicia”, engadiu.

O voceiro de En Marea no Congreso tamén anunciou as iniciativas rexistradas para pedir explicacións polos fastos no día da visita a Lugo, “que contaron con traslados en autobuses de toda a comitiva, alteración dos servizos ferroviarios Media Distancia, un Alvia disposto para ese breve e anecdótico viaxe de Sarria a Lugo. Canto costou isto”. É absolutamente censurábel que un Ministerio varíe ao seu gosto servizos ferroviarios e faga semellante despilfarro para verdadeiramente facer un acto de pre campaña.

Cristina Pérez Herráiz reclama a intermodal proxectada en 2010

Pola súa banda, a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz referiuse ao “exercicio de imaxinación” que a sociedade debe facer con toda canta promesa realizan os gobernos do bipartidismo e que, na cidade de Lugo, ten especial reflexo na Estación Intermodal, proxectada dende o 2010 sen que, até a data, haxa nada tanxible do previsto para esta infraestrutura.

“Temos que facer un auto de fé con todo canto anuncia o PP, porque neste momento da Intermodal só hai o rumor de que as partes xa dispoñen do convenio que determina as súas responsabilidades, pero nada máis. O resto é propaganda de mega obras, con escenificacións pomposas e un nutrido elenco de altos cargos. Se é preciso paralizar o tráfico ferroviario, que sexan mellor dous, en vez de un, os convois que se mobilizan”.

A portavoz do Grupo Municipal destacou que Lugonovo non concorda en absoluto co deseño da dotación en tanto, “as instalacións semellantes, xa coñecidas, tenden a ser centros comerciais, deixando de lado a súa funcionalidade”.

“No caso de Lugo elixiuse unha Estación con zonas estancas, ben diferenciadas e mesmo separadas entre sí, que poñen en dúbida a súa conectividade; mentres que nós apostamos por un edificio que permita eses intercambios de forma rápida e sinxela. Cremos que o primeiro que hai que garantir é a suficiencia de medios pero tamén unha boa coordinación entre os organismos que os tutelan para que iso se traduza nunha axeitada planificación dos transportes e dos seus horarios de maneira que tren, autocar e bus urbano se complementen para efectivizar o servizo prestado á cidadanía”.

“Eso obriga – remata Pérez Herráiz – a un esforzo por parte dos tres executivos, ademais de a un diálogo fluído e boa disposición. Tres factores que semella complicado aunar a xuízo da situación na que se atopa o municipio. Abandonada por completo por tódolos dirixentes políticos”.

Etiquetas