Francisco Balado, alcalde de Castro de Rei: “A prioridade é aprobar o Plan Xeral durante este ano”

Como está o proceso de creación do Servizo de Axuda no Fogar?

Estamos no proceso de licitación pero aínda non está adxudicado, estamos á espera do informe das propostas que se fixeron. Hai que lembrar que comezamos este proceso para cumplir con requisitos legais, xa que o servizo estaba vencido. O SAF é un servizo importante para nós porque tentamos evitar que haxa persoas que vivan soas. A situación de avellentamento non se acusa en Castro como noutros concellos de arredor porque desde finais do ano hai incremento de poboación e o noso concello é privilexiado no tema da terceira idade porque temos dúas residencias e a xente maior está atendida. O proceso de tramitación de dependencia é longo pero mentres este non se soluciona atópaselle praza nunha residencia privada por un prezo máis asequible e pode ser asistido entretanto non teña praza pública.

E cal é a situación da biblioteca?

Esperamos que abra en breve porque xa temos prevista a celebración da primeira proba para que se poida seleccionar a persoa para ocupar a praza de axiliar de biblioteca o 8 de maio. Esta demora foi debida a que tras a xubilación da bibliotecaria contratamos unha empresa externa e a asociación de bibliotecarios impugnou a praza porque afirmaban que se necesitaba un técnico. Consultado isto coa Asesoría da Deputación e coa razón do noso lado agora temos que esperar os prazos legais para a contratación e por iso tivemos suspendido o servizo.

Cal é a prioridade do Concello?

A prioridade sería poder aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Vén de remitirse este a urbanismo coas modificacións que solicitaron e agardamos que non tarde en aprobarse moito. É un instrumento de ordenación imprescidible e a nosa preocupación máis importante. Se todo vai ben, aprobarase neste ano pero agora todo depende da Adminsitración.

Cal é a postura do Goberno sobre a ordenanza de ocupación de espazo público?

O BNG equivócase. Esta ordenanza de terrazas estaba en mente por parte do equipo de Goberno e cando o BNG pediu que se aprobase, aprobouse. O que sucede é que se encargou da súa elaboración a arquitecta municipal e ao BNG entroulle a desconfianza. A ordenanza non a elaboramos os políticos. A nosa intención era que fose un documento imparcial pero a sorpresa foi a demanda de facer diferenzas entre os locais. O equitativo é establecer un prezo por metro cadrado. Entendemos que en Lugo hai diferentes prezos atendendo ás localizacións pero  en Castro non podemos facer esa diferenciación.

Cal é a aposta do Concello polas infraestruturas?

Estanse acometendo obras de asfaltado e rexeneración en Duancos, Duarría, San Martiño de Goberno e vaise empezar estes días en Prevesos. Estamos licitando obras en Santa Leocadia e hai proxectos feitos de asfaltado en parroquias como Ramil, Santa Leocadia e Loentia. Obras de seneamento en Castro Ribeiras de Lea e remodelación da rúa Trapero Prado de Castro Ribeiras de Lea. Por outra banda, co Plan Único faremos as obras de saneamento, asfaltado e bacheo nas distintas parroquias, con aparcadoiros e pistas, en función das peticións dos veciños. O listado xa se remitiu e necesitamos a aprobación para proceder á execución.

Como son os investimentos en Cultura?

Somos un concello que destinamos  moitos cartos ao eido cultural. Incluimos festas patronais, colaboramos cos actos importantes, como o entroido de Val de Francos e de Castro, as patronais e todos os actos e eventos que se organizan e tamén coas asociacións.

En qué momento está o Concello?

Castro de Rei é un concello con moito potencial, mantense a poboación e nótase un descanso do paro dende hai dez anos. Os datos do INE dan unha esperanza de tranquilidade no sentido de que hai máis xente ocupada. Eu creo que desenvolvendo actuacións como o Plan Xeral e o parque empresarial pódense conseguir resultados importantes, reactivar o sector da construción e lograr fixar poboación. Temos emprego, temos concentracións parcelarias no rural. Se con iso non medra o concello non creo que queden moitos máis métodos. Hai unha diferenza importante nas vilas, marcada porque Castro Ribeiras de Lea é unha zona apetecible por estar máis preto da capital, pero o Concello ten moitas posibilidades.

Etiquetas