A Volta Ciclista ás Comarcas percorrerá esta fin de semana varios concellos chairegos

A IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, Desafío Volta Lugo 2018 comeza o venres 26 coa participación de 200 corredores chegados de todo o territorio nacional e do norte de Portugal, que percorrerán 12 concellos da provincia de Lugo ao longo da fin de semana. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador deste evento deportivo, organizado polo Club Cidade de Lugo, cunha achega de 65.000 euros, sendo xunto cos Concellos da Fonsagrada, A Pontenova e Lugo, as únicas administracións que colaboran.

Trátase da única volta cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia e unha das poucas de toda a Península Ibérica. A cita desenvolverase durante a fin de semana en tres etapas, que pasarán por doce municipios da provincia: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde e Pol, reunindo a xente de toda Galicia, así como doutras comunidades como Valencia, Estremadura, Asturias, Castela e León, e de Portugal.

Aos 200 participantes hai que engadir os acompañantes e afeccionados á bicicleta que durante tres días se darán cita na nosa provincia, enchendo os hoteis e locais de restauración dos concellos polos que transcorre o percorrido, e deixando uns beneficios próximos aos 100.000 mil euros.

A novidade máis importante deste DVL2018 é a participación dun ciclista de luxo como é Joseba Beloki, ex ciclista profesional que destacou como gran escalador e contrarreloxista de alto nivel especializado en grandes voltas por etapas, destacando entre eles os seus 3 podios no Tour de Francia (2º en 2002 e 3º en 2000 e 2001).

Programación das etapas

A primeira etapa terá lugar mañá, venres 25 de maio. Os corredores sairán ás 11:00 horas da Praza Maior do Concello de Lugo e chegarán á Praza dos Fornos, no Concello da Pontenova. En total, percorrerán unha distancia de 83,5 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.118 metros positivos, atravesando altos de montaña como o Alto de o Alto de Cruz da Cancela (3ª Categoría) ou o Alto de Augaxosa (1ª categoría).

A segunda etapa disputarase o sábado 26 de maio con saída ás 10:00 horas dende a Praza dos Fornos da Pontenova. O remate desta segunda etapa terá lugar na Praza do Concello da Fonsagrada, completando unha distancia de 114,6 quilómetros e 3.143 metros de desnivel positivos. Neste segundo día, os ciclistas enfrontaranse a altos de montaña como o Alto de Coto de Frades (1ª Categoría); o Alto de Cruz de Barreiros (2ª Categoría), o Alto de A Lúa (1ª Categoría), o Alto de Cruz de Meira (1ª Categoría), ou o Alto de O Hospital (1ª Categoría).

Finalmente, a terceira etapa da Volta celebrarase o domingo 27 de maio. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende a Praza do Concello da Fonsagrada, e a meta estará situada no complexo deportivo Forus Lugo. En total os corredores realizarán 90,5 quilómetros de distancia, nesta última etapa cun desnivel acumulado de 1047 metros positivos, pasando por altos de montaña como o Alto da Fontaneira (3ª categoría), ou o Alto de Montecubeiro de 2ª categoría.

 

Etiquetas