As escolas municipais de música participarán nun campamento en Mondoñedo

A Asociación Músico Crisanto, que xestiona as Escolas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, realizará este verán un campamento lúdico-musical para Banda Infantil e Xuvenil en colaboración coa Escola Municipal de Música O Pallarego de Mondoñedo, que está aberta a todo o alumnado.

O curso desenvolverase en Mondoñedo entre o 9 e o 13 de xullo e a preinscrición para o mesmo está aberta e é gratuíta. A partir do martes 29 de maio dará comezo o prazo de inscrición, que se prolongará ata o 15 de xuño pagando a metade do importe, que será de 355 euros para alumnado externo e de 210 euros para alumnos das escolas municipais de música destes concellos. O prezo inclúe a estadía, a viaxe en autobús e o propio curso.

Nesta sesión, ademais das especialidades instrumentais (frauta, óboe, clarinete, fagor, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, percusión e piano), realizaranse obradoiros de improvisación, poesía e composición clásica e moderna, así como rutas de senderismo, visitas guiadas, deportes, xogos grupais, etc.

Os obxectivos destes curso son desenvolver as capacidades artísticas e a sensibilidade cara a todo o que é musica en todas as súas formas; valorar a música como ferramenta para a comunicación cun mesmo e co mundo; interpretar e compartir dentro do conxunto, coa riqueza da convivencia cooperativa dentro do grupo humano; instruír hábitos para a independencia na práctica musical persoal, e propiciar o aprecio e desfrute das manifestacións culturais musicais máis diversas.

Etiquetas