Comezan os traballos de ampliación do Ceip Laverde Ruíz

Coincidindo co inicio das vacacións escolares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará comezo nos vindeiros días aos traballos para a ampliación do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ruíz Laverde, de Outeiro de Rei, adxudicados en 865.600 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza coa directora do centro, Noa Piñeiro, e outros representantes do equipo directivo, así como co alcalde, José Pardo Lombao; a subdirectora de construcións e equipamento da Consellería, María Jesús López; a xefa territorial da Consellería en Lugo, Mariña Gueimunde, e responsables do proxecto e da empresa adxudicataria (Angel Jove SA), entre outros.

Balseiro explicou as previsións de desenvolvemento dos traballos, que se iniciarán na primeira semana de xullo e teñen un prazo de execución de seis meses. Comezarán coa demolición da cuberta co obxectivo de que en setembro estean rematadas tanto a nova estrutura como as obras interiores, para non interferir no normal desenvolvemento das clases.

A Xunta licitou esta actuación con tramitación urxente debido á necesidade de dar resposta ao incremento do censo escolar do municipio, que xa levou a ampliar o aulario de Educación Infantil nos anos 2014 e 2015.

Neste momento, proxéctase a construción dunha nova planta que dará cabida a oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, nunha superficie de 806 metros cadrados.

Outras reformas

Xunto coa suma dunha segunda planta, o outro gran cambio do edificio xurdirá da nova formulación da cuberta, que cubrirá completamente o patio interior, sobreelevada esta sobre a cuberta dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central. Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.

O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.

Na planta baixa reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.

No que respecta ao equipamento, tamén se instalará unha nova caldeira de gasoil,   procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como tomas informáticas de voz e datos e todos os servizos necesarios.

Etiquetas