Muras acolle unha xornada do programa Life in Common Land sobre a serra do Xistral

A Escola Unitaria do Viveiró, en Muras, acollerá o sábado 7 de xullo unha xornada co título Servizos ecosistémicos da Serra do Xistral, Novas posibilidades de uso e conservación.

Dita xornada está organizada ao amparo do programa Life in Common Land a través das universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, coa colaboración do Concello de Muras.

A xornada dará comezo ás 11.00 horas cunha excursión pola serra do Xistral con saída dende o campo da feira de Viveiró. Tras a comida darán comezo a rolda de ponencias, que abrirá o alcalde de Muras, Manuel Requeijo Arnejo e a presentación do proxecto Life in Common Land, a cargo de Jaime Fagúndez Díaz, profesor da Universidade da Coruña.

A primeira das charlas estará a cargo de Manuel Ferreira Rodríguez, da Casa do Mel de Goente que falará do potencial que ten a produción do mel na serra. Sobre mel trashumante falará a continuación Xesús Asorey Martínez, da Asociación Galega de Apicultura.

Tras a pausa para o café, Alfonso Polvorinos Ovejero, do elecoturista.com, presentará o estudo O turismo da natureza: oportunidades relacionadas coa Rede Natura 2000. A carne de poldro e o seu aproveitamento será o tema da última das ponencias, que estará a cargo de Santiago Crecente Campo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

A xornada rematará cun coloquio.

A inscrición para participar nestas charlas debe facerse no teléfono 982 500 001 ou no correo lifexistral@udc.es.

Etiquetas