Skip to main content
ActualidadeXermade

Sotavento realiza actividades para os máis pequenos

Por 22 Xuño, 2018Sin comentarios

Conscientes da importancia dunha educación ambiental dirixida a todos os colectivos e idades, Sotavento consolida a súa proposta educativa dirixida aos ciclos de educación infantil.

A través dun amplo programa de actividades prácticas e experiencias adaptadas a estes nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, descubren a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados e o enorme valor dos nosos hábitos de aforro e eficiencia.

Son case inexistentes os proxectos educativos que inciden en aspectos de educación enerxética a estas idades temperás. A falta de medios e a súa dificultade son os argumentos esgrimidos para pasar por alto uns dos temas de maior importancia para o ser humano do SXXI: A enerxía.

Con todo, Sotavento considera que estas idades son as idóneas para establecer preconceptos e fomentar valores que determinarán as futuras condutas adultas.

Desde hai anos, son moitos os centros de infantil que se interesaron por este proxecto educativo. Un dos máis habituais é a escola infantil de Vilalba. Esta vez, os seus alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos puideron gozar de diferentes actividades prácticas como transformar a enerxía do sol en enerxía eléctrica a través dunha placa fotovoltaica, experimentar cunha turbina hidráulica, de vento, etc. Mesmo, mediante a utilización de construcións, jerarquizaron o balance enerxético do noso país priorizando as fontes renovables. Aínda que poida parecer complicado, as súas respostas ante problemas complexos son moitas veces máis sensatas que a de moitos adultos.

Tamén a gardería de Vilalba achegou aos seus alumnos de 2 e 3 anos a experimentar co vento e o sol. Como é habitual, preparáronse un saboroso chocolate cunha cociña solar.

Ambas actividades pechan as actividades do ano académico 2017-2018, que achegaron máis de 8.000 visitantes ás instalacións do parque, que cumpre 17 anos dende a súa inauguración o 21 de xuño de 2001.