Skip to main content
Actualidade

Os maiores de Castro de Rei aprenden novas tecnoloxías

Por 28 Xuño, 2018Sin comentarios

A Fundación TIC da Deputación está a impartir este mércores no Concello de Castro de Rei un dos 12 cursos cos que achega, neste segundo trimestre de 2018, as novas tecnoloxías aos maiores do rural. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, mantivo este mércores un encontro cos participantes na actividade coa que, neste caso, se inician no mundo de Internet, de maneira gratuíta, na Escola Unitaria Ponte de Outeiro.

Vidal Baamonde dixo que “este é un dos varios e exitosos cursos que dende a Deputación de Lugo, por medio da fundación TIC levamos a cabo por toda a provincia para axudar aos nosos maiores a que se poñan ao día coas novas tecnoloxías. Pensamos que é un estímulo para usar as novas tecnoloxías, facendo conscientes aos participantes das utilidades e dos beneficios que estas lles poden proporcionar”.

O Deputado destacou que este tipo de iniciativas “favorece a súa autonomía persoal, a adquisición de habilidades e a mellora e preservación das súas capacidades cognitivas e funcionais. O que buscamos con estes cursos é que todos os nosos veciños do rural teñan as mesmas posibilidades que os maiores das zonas máis urbanas”.

Este segundo trimestre de 2018, a TIC ofrece 1.085 prazas nos 81 cursos que imparte, tanto na sede da entidade como na provincia. Esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior. O obxectivo é dar resposta á alta demanda que hai destas actividades, tal e como queda reflectido cada vez que se abre a inscrición e quedan cubertas todas as prazas ás poucas horas .