Increméntanse as accións de concienciación da reciclaxe en Vilalba

Técnicos medioambientais percorren estes días as rúas de Lugo para fomentar e concienciar á cidadanía na necesidade de reducir a xeración de residuos e fomentar a reciclaxe de envases lixeiros. Trátase dunha nova acción de rúa dentro do marco da campaña Recicla, respira e supérate. Únete ao reto, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con Ecoembes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta iniciativa ensáiase con carácter experimental en 15 municipios galegos, entre eles os lucenses de Monforte de Lemos, Viveiro e Vilalba ademais do da capital.

O reto consiste en que nos tres meses que dura a campaña os concellos sexan capaces de incrementar polo menos nun 10 por cento a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) no mesmo período do ano anterior. Os municipios que consigan este obxectivo recibirán como recompensa 2.000 euros, unha cantidade que poderán destinar á causa social que elixan.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén realizando diversas actuacións que buscan comprometer á cidadanía na mellora das taxas de reciclaxe de envases lixeiros nos seus respectivos concellos, como a recente instalación temporal dun contedor xigante amarelo na Praza Maior de Lugo.

Igualmente, cómpre mencionar o Proxecto Horeca, destinado a locais de hostalería e restauración co fin de fomentar a recollida de envases neste sector; a campaña Separa con xeito, para incentivar a reciclaxe en feiras e feiróns que se desenvolven por toda a comunidade, ou a colocación duns 300 novos contedores para a recollida de envases e de papel e cartón en 17 concellos de Lugo.

Etiquetas