O Sindicato Labrego Galego celebra unha asemblea este sábado para crear a Secretaría das Persoas Xubiladas

O Sindicato Labrego Galego celebrará en Lugo, o 7 de xullo nas instalacións do Restaurante Los Robles, unha asemblea á que acudirá unha representación da súa afiliación xubilada que, a pesares de terse retirado no plano laboral, aínda ten azos e ilusión para seguir traballando nas loitas nas que o Sindicato Labrego Galego está implicado.

A xornada, que inaugurarán a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador do evento e membro da Executiva, Miguel Méndez; contará coas intervencións de Vitoria Portas, presidenta do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), Xabier Pérez Davila, economista e escritor, e Lidia Senra, eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea.

Posteriormente, terán lugar os debates previos á constitución da que será a Secretaría das Persoas Xubiladas do SLG. Respecto aos motivos que levan á creación deste espazo de acción para as persoas xubiladas no SLG, a propia organización explicou no seu voceiro, o Fouce, que “tanto ten que nos xubilásemos e esteamos a cobrar unha pensión de xubilación: queremos seguir activos e activas no Sindicato Labrego Galego, participando da estrutura e do movemento sindical. Poida que por motivos de idade xa non poidamos seguir traballando a terra como antano, pero o que non minguou en nós foi o devezo de seguir loitando pola xustiza e de seguir contribuíndo, co noso esforzo, a manter vivo o noso rural. Sabemos que o rural galego está a morrer, sabemos que cada vez temos menos veciños e veciñas coas que falar, porque o vivimos no noso día a día. Pero, por iso mesmo, lonxe de resignarnos, preferimos seguir dando a batalla para asegurarlle un futuro ao rural galego”.

Ademais, sobran loitas nas que as persoas xubiladas de toda Galiza están a implicarse a fondo porque lles afectan directamente como colectivo, pois “que nos xubilásemos non quere dicir que non haxa dereitos polos que debamos loitar: ademais de ter unhas pensións moi baixas para afrontar o noso retiro, seguen a mallar en nós coa privación de servizos sociais no rural aos que deberiamos ter dereito tras toda unha vida de traballo: peche de centros de saúde, longas distancias até os centros de día máis próximos ás nosas parroquias, prazas insuficientes nas residencias públicas para a terceira idade ou prezos prohibitivos nas privadas, peche de centros de saúde rurais que nos obrigan a longos desprazamentos para acudir ás consultas médicas, inexistencia moitas veces de liñas de transporte público que pasen preto dos nosos domicilios, etcétera”.

Etiquetas