Comezan os traballos do Plan de Roza de estradas da provincia

Os operarios do Plan de Roza do Goberno Provincial traballan xa na totalidade de concellos da provincia. Así o avanzou o vicepresidente da Deputación e deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, quen subliñou que “coa contratación dos últimos traballos, chegamos aos 67 concellos lucenses nos que se están a efectuar labores de desbroce da maleza e acondicionamento das vías provinciais. Facémolo cun investimento de 850.000 euros, que nos permiten actuar nos máis de 4.200 quilómetros cos que conta a rede viaria provincial máis extensa de España”.

Fernández Queipo engadiu que “o conxunto destes traballos foron adxudicados a autónomos e pequenas empresas, case todas da provincia de Lugo, polo que, ademais de adecuar as nosas estradas e mellorar a visibilidade e seguridade dos condutores que circulan por elas, tamén conseguimos xerar empregos e dinamizar o tecido socioeconómico da provincia”.

Outro dos aspectos fundamentais que contempla o Plan de Roza é a prevención de lumes durante a época estival. Deste xeito, coa limpeza de maleza nas marxes das estradas tamén se busca reducir o risco de avance das lapas no caso de producirse un incendio forestal, nunha época do ano na que é preciso un especial traballo de prevención.

As labores de desbroce comezaron na zona da Mariña, para facilitar que os accesos ás praias se atopen en perfectas condicións tanto para os veciños como para os miles de turistas que se achegan á costa de Lugo durante a tempada de verán. Estes traballos foron estendéndose pola provincia nas pasadas semanas ata completar o 100% do territorio lucense co obxectivo de poñer a punto a rede viaria provincial.

A roza é mecánica e manual, é dicir, non se emprega ningún tipo de axente químico a diferenza doutras administracións, co obxectivo de protexer e respectar o medio ambiente. Os máis de 4.200 quilómetros de vías tradúcense en 8.400 quilómetros nos que se levará a cabo a roza (ambas as marxes viarias). As estradas provinciais dividíronse nas seguintes zonas, nas que actuarán autónomos e PEMES, executando o Plan de Roza, dotado de 800.000 euros. Na Terra Chá actuarán en:

Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.

Zona 5: Mondoñedo e Abadín.

Zona 6: A Pontenova, Riotorto e Pastoriza.

Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.

Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.

Zona 11: Friol.

Etiquetas