Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE alerta das malas condicións da piscina municipal de Vilalba

Por 24 Xullo, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista reclama unha maior atención respecto do mantemento da piscina municipal, pois segundo aseguran, o vaso deberá ser reparado de novo tan só un ano despois da súa última posta a punto. O PSOE sinala unha vez máis estas instalacións criticando a xestión do Concello, nesta ocasión polos desperfectos visibles para todas as persoas que fan uso das mesmas.

Así pois, os socialistas afirman que “a lechada que une os azulexos e reviste o vaso está a desaparecer, podendo producir cortes aos usuarios e usuarias da piscina municipal”, subliña a voceira deste grupo, Elba Veleiro. A falta desta xunta branca impermeable obriga a baleirar o vaso da piscina para limpar en profundidade e aplicar de novo este material, co correspondente gasto que isto ocasiona.

Mais as peticións do PSOE non se reducen exclusivamente ao mantemento da piscina municipal, senón que tamén trasladan as críticas de moitas persoas “polo peche os días festivos” contemplado nas bases do novo contrato, de xeito que as persoas que acuden habitualmente a nadar “ven en ocasións moi limitada a posibilidade de practicar este deporte nunhas instalacións públicas que deberan prestan un servizo máis amplo”, rematan.