Presentada a Festa da Torta de Millo de Guitiriz, que se celebra o domingo

Cos ecos da Feira da Cantería aínda presentes, o concello de Guitiriz volverá estar de celebración esta fin de semana coa Festa da Torta de Millo, que terá lugar o domingo 29 de xullo na capitalidade.

Os actos darán comezo ás 11.30 horas, coa apertura da exposición de coches antigos na Praza de Santa María, coches que realizarán posteriormente un percorrido ata as tres fontes mineiro mediciñais de Guitiriz.

Paralelamente, dará comezo a campaña a favor da reciclaxe organizada por Ecoembes e a Xunta de Galicia.

Media hora máis tarde darán comezo os obradoiros de cerámica, tear e cantería que se prolongarán ata as 14.00 horas.

Ás 13.00 horas terá lugar a actuación do grupo de música Os Trastiños do Castelo, previa á degustación da tornta de millo, unha actuación que se enmarca dentro do programa Musiqueando da Deputación Provincial. Unha hora máis tarde será o eixe central da programación co xantar ao aire libre baixo os carballos da praza. Os interesados en participar deberán abonar 15 euros na compra dos tickets, que se poden adquirir de forma anticipada na oficina de Turismo do Concello e o propio día da festa no punto de información.

A partir das 16.00 retomarase a actividades con novos obradoiros e xogos populares na praza para pechar este ciclo coa actuación dos grupos municipais de música do Concello a partir das 19.00 horas.

A festa terá o seu final coa lectura do pregón a cargo do periodista Fidel Fernán Bello e a actuación de Susana Seivane ás 21.30 horas. Este concerto será de libre entrada e gratuíto.

Etiquetas