Castro de Rei presenta os orzamentos máis elevados dos últimos anos

O Pleno do Concello de Castro de Rei aprobou na última sesión os orzamentos para este ano, que ascenden a 4,9 millóns de euros e que, segundo indica o alcalde, Francisco Balado, “son os máis elevados da súa historia cun nivel de investimento moi importante”.

De feito, neste orzamento, que foi aprobado cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG, destinará o seu 30 por cento directamente ao investimento, o que supón 1,37 millóns de euros aumentando sete puntos con respecto ao ano pasado.

Balado especificou que entre os proxectos máis importantes que se incluirán nestes orzamentos figura a rede de abastecemento  en Castro de Ribeiras de Lea (con 212.320 euros), a mellora dos accesos a Santa Locaia e Prevesos (92.068 euros) así como nos barrios de Santa Locaia, Ramil, Mos, Dumpín e Ribeiras de Lea (108.626). Destacan tamén actuacións no polígono, en vías (150.000), no viveiro de empresas (358.500) e na instalación do sistema de videovixilancia (30.800). A estas obras hai que engadir a renovación das beirarrúas de Poeta Crecente Vega e Alcalde Emilio Sinde Nieto en Castro de Rei (106.300).

«Creo que é un orzamento bastante completo e que tamén reficte o que se escoitou á oposición, xa que hai proxectos que coinciden con actuacións pedidas nalgunha ocasión polos outros grupos políticos municipais», dixo Balado.

Balado indicou tamén que as axudas se verán incrementadas por varias axudas que non están reflectidas nos orzamentos. Engadiu tamén que o concello non inviste só en obras e infraestruturas, senón tamén en servizos “de feito o concello sempre presta a súa colaboración en cada festa que se realiza, por exemplo porque o que tentamos é distribuir os recursos entre todos porque temos un concello moi extenso que temos que cubrir todo o territorio”.

A corporación municipal acordou tamén por unanimidade declarar persoas non gratas ás cinco membros da Manada, unha moción presentada por el BNG e tamén saiu adiante a proposta do PSOE de arranxar dúas vías. Así mesmo foron aprobados os prezo públicos dos campamentos de verán, que terán unha cuota de 50 euros por neno cada quincena, 30 euros para os segundo irmán e 15 para o terceiro.

Etiquetas