O BNG propón que escolares da provincia poidan disfrutar das piscinas climatizadas durante o curso

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo anunciou as iniciativas que presentarán mañá no Pleno da Corporación Provincial. Serán tres as iniciativas coas que o BNG tentará que o goberno da Deputación tome iniciativas en favor de mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos concellos lucenses. “O BNG está a facer propostas serias para mellorar a calidade de vida das persoas por que ese é o noso obxectivo” dixo Xosé Ferreiro.

Unha das iniciativas vai encamiñada a que todas as nenas e nenos en idade escolar da provincia de lugo teñan acceso ás piscinas climatizadas existentes na provincia cun programa no que a Deputación asuma a organización de cursos e actividades así como o transportes precisos para que estas actividade se leven a cabo. Ferreiro sinalou que “a maior parte destas piscinas que existen na provincia foron construídas coa colaboración económica de administracións de rango superior, polo que deben ter un uso comarcalizado”.

Outra das iniciativas do BNG é para a homoxeneización e mellora das condicións de traballo e eficacia dos GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais) na provincia de lugo. Estes servizos de emerxencia atópanse desgregados en distintas unidades que á súa vez dependen de varias administracións distintas. Estas unidades ou grupos teñen mandos distintos e unha dirección tamén distinta. “Por se iso non fora pouco, incluso estas unidades ou grupos de emerxencias teñen unhas condicións distintas de traballo, de formación ou de funcións, dependendo de que administración dependan ou incluso do lugar xeográfico onde traballen” afirmou o voceiro do BNG.

O BNG tamén reclamará na Deputación que se manteñan as condicións do programa Musiqueando tal e como se redactaron na convocatoria deste ano. Ferreiro explicou que “a deputada de cultura remitiu unha comunicación aos colectivos que participan, este ano, no programa Musiqueando e a moitos deles devólvenselles as facturas e comunícanselles unha serie de requisitos a cumprir que non figuraban nas bases do  programa Musiqueando 2018”. “As formacións musicais xa cumpriron co seu compromiso de efectuar as actuacións e agora atópanse cunha devolución da factura” sinalou Ferreiro que pedirá que se reduza, na medida do posible, a carga burocrática que teñen que asumir as agrupacións que participan no programa Musiqueando e que se non se considere o programa Musiqueando como unha canle de contratación se non, tal e como naceu, como un programa de promoción cultural que permite e incentiva a actuación de colectivos culturais nas festas patronais e eventos que se celebran na provincia.

 

Etiquetas