Skip to main content
ActualidadeXermade

Xermade conta xa cun depósito de auga antiincendios

Por 6 Agosto, 2018Sin comentarios

A Deputación de Lugo doutou ao municipio de Xermade do único depósito de auga antiincendios, que servirá para ter un punto de recollida de auga preto da localidade, no caso de producírense incendios. Trátase dunha infraestrutura moi necesaria para o Concello, na que o Executivo Provincial investiu 10.500 euros. O organismo provincial contribúe deste xeito, e a pesares de non ter as competencias en materia de incendios, a dotar deste depósito ao municipio, o que lle permitirá incrementar a seguridade, ao dispor dunha fonte de subministro de auga ao seu alcance que permite actuar con maior rapidez.

O Concello de Xermade non dispoñía de puntos de auga desta natureza nin conta con ríos caudalosos na súas proximidades aos que recorren no caso de producírense emerxencias, sobre todo porque xa se teñen rexistrado incendios de certa importancia, preto da estrada que vai a Viveiro. A través da instalación deste depósito increméntase a seguridade tanto para a localidade, como para os veciños e veciñas. No municipio, tampouco contan cun camión de bombeiros forestais, un vehículo que se lle leva reclamado á Xunta de Galicia durante anos.

O depósito de reserva está situado na zona de Roupar de Arriba, xunto ao cemiterio municipal e conectado a unha traída de auga municipal. Conta cunha capacidade de 30.000 litros aproximadamente, que están listos para subministrar aos equipos de bombeiros o caudal necesario para extinguir lumes, se fora preciso. Tamén se utilizará para o abastecemento de auga ao gando cando este líquido escasee, xa que ten habido cortes de subministro en tempo de sequía.