Organizan un torneo de fútbol burbulla en Baamonde

O CERCUD organizará na praia fluvial de Baamonde a terceira edición do Torneo 3×3 Fútbol Burbulla, que terá lugar o 11 de agosto. Trátase dunha actividade que conxuga o deporte coa oferta lúdica e consiste en xogar metido dentro dunha burbulla xigante, que lles ocupa aos xogadores todo o tronco. Pódense dar golpes e revolcóns sen ningún tipo de perigo e lesións.

Cada equipo estará formado por tres xogadores admitíndose equipos masculinos, feminino e mixtos.

A fase de grupos arrancará pola mañá, seguindo ao mediodía cunha comida de confraternización entre equipos e pola tarde retomarase a actividade deportiva coas eliminatorias e as finais.

Os 3 primeiros clasificados levarán trofeos e vales agasallo dunha tenda deportiva e o resto medallas.

Hugo Parapar, un dos organizadores deste evento, destaca o interese que está a ter este ano a proposta fora da Terra Chá. “Estannos preguntando xente das comarcas de Lugo, da Mariña, de A Coruña”.

Dende o CERCUD esperan “superar as inscricións de anos anteriores” e creen que a axuda dos establecementos colaboradores “coa que ofrecemos de balde a comida a todos os xogadores” pode ser un aliciente “para que a xente se anime a vir”. “Garantimos risas e diversión aos xogadores e aos espectadores”

As inscricións están abertas ata o mércores 8 de agosto. Ten un custo de 10 euros por persoa e toda a información pódese encontrar na web futbolburbulla.com

Etiquetas