Skip to main content
Actualidade

As Pontes pon en marcha a mellora dos camiños rurais

Por 12 Agosto, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes porá en marcha, a próxima semana, as obras de mellora dos viarios de Veiga da Nata e Pena de Francia para dotalos de maior calidade estrutural e superficial e garantir, deste xeito, a seguridade do tráfico e os viandantes.

Estas actuacións, cun orzamento de 68.559 euros e un prazo de execución de un mes, adxudicadas á empresa Canarga Construcciones, permitirán a reparación integral de ambos viarios coa substitución da actual capa de rodadura por aglomerado.

As obras inclúen traballos de mellora da drenaxe da estrada e, co obxectivo de lograr o correcto entroncamento con outros viarios, procederase ó fresado dos camiños. Ademais efectuarase o varrido da superficie dos viarios e a limpeza das marxes e as cunetas.  Tras todas estas actuacións, realizarase  a marcaxe dos viarios, o pintado e a reposición da  sinalización vertical nas interseccións afectadas.

Desde o goberno local fan fincapé na importancia destes traballos xa que “estes viarios teñen moita importancia para a comunicación entre os núcleos rurais da vila e  aínda que durante os últimos anos estivéronse realizando traballos de mantemento, os camiños de Veiga de Nata e Pena de Francia estaban a sufrir importantes deterioras. Con estas obras seguimos coa nosa folla de ruta para mellorar as infraestruturas no ámbito rural e favorecer a calidade de vida dos nosos veciños”.

Maciñeira

Asemade, fai uns dias arrincaron as obras de mellora dos camiños municipais en Maciñeira, adxudicadas á empresa Francisco Gómez y Cía, cun orzamento de 68.559 euros e un prazo de execución de dous meses.

O proxecto permitirá a substitución da capa de rodadura por aglomerado, a limpeza das marxes dos viarios, a reposicións da sinalización vertical e horizontal, así como o pintado do camiño que vai de Maciñeira a Fraga dos Cregos e do viario que parte deste punto en dirección a Porto do Liño para dotalos dunha maior calidade e facendo que sexan máis accesibles, cómodos e seguros.