O luns coñecerase ao gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba

O luns 20 de agosto, a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura, darase a coñecer ao gañador do Certame Literario. Despois de iniciadas as actividades deportivas, o certame literario é, sen dúbida, o primeiro acto das festas patronais de San Ramón e Santa María.

Na tarde do luns a Casa da Cultura acollerá ao xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, para escoller ao gañador deste certame de gran relevancia cultural para Galicia. 

Este fallo farase público tras a presentación do libro editado coa obra gañadora da edición do ano pasado. Antídoto, de Emma Pedreira Lombardía, foi a obra escollida o ano pasado polo xurado.

Este acto, de gran trascendencia que conta coa presencia das autoridades municipais e culturais, é aproveitado tamén para o nomeamento das raíñas e damas das festas. Ademais, está amenizado musicalmente e este ano a responsabilidade neste ámbito estará a cargo do trío de saxofóns do Conservatorio Profesional de Vilalba.

O Certame Literario tamén volverá ser motivo de celebración o día 30 de agosto, a partir das 19.30 horas no Auditorio Carmen Estévez, cando raíñas e damas, autoridades políticas e culturais e membros da comisión fagan a clausura oficial da edición XLIV antes da lectura do pregón, que este ano estará a cargo da piragüista Marta Felpeto.

A comitiva chegará ao Auditorio dende a Casa da Cultura e estará acompañada no seu paseo polas rúas de Vilalba pola Banda de Música de Vilalba.

O Premio de Poesía do Concello de Vilalba conseguiu este ano acadar a XLIV edición sumando un novo éxito pola gran relevancia cultural que ten.

Un total de 57 traballos pelexaron por este galardón que está dotado con 7.000 euros, ademais dunha flor e unha pluma, o que dá fe da importancia desta convocatoria. A relevancia do premio vai en aumento polo que a cuantía do mesmo ampliouse o pasado ano de 3.000 a 7.000 euros.

Este premio tén tamén un dos periodos de presentación de candidaturas dos máis longos, xa que fíxose a convocatoria no mes de marzo, con temática libre.

ANTÍDOTO

Alvarellos Editora publicou na súa colección Libros do Sarela o libro de poemas Antídoto de Emma Pedreira, premiado na última edición do Certame Literario do Concello de Vilalba. Unha edición bilingüe galego-castelán, ilustrada por Xulia Nieto.

A obra inclúe a Lista da compra da viúva, poema que recibiu en 2017 o Premio Internacional Jovellanos como “El mejor poema del mundo”.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é unha das máis inspiradas, singulares e premiadas voces da actual poesía galega. Encadrada na coñecida como Xeración dos 90, estreouse cos versos do Diario bautismal dunha anarquista morta (1999). Dúas décadas despois recibe o Premio da Crítica (2017) e o Premio Xerais de Novela (2018). En todo este tempo foi tecendo ata unha ducia de libros de poemas (sempre premiados) onde destila a súa visión fonda, crítica, inspirada e feminista da vida.

Antídoto recibiu en 2017 o premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba na súa renovada edición número XLIII.

A poeta reflexiona nestes versos sobre as soidades non escollidas. Escrito dende a dor, busca a luz na palabra, nun verso que camiña libre, pleno de potencia expresiva.

Etiquetas