Skip to main content
Actualidade

Iniciada a limpeza de cunetas e gabias en 61 km rurais en As Pontes

Por 22 Agosto, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes pon en marcha, por primeira vez, un plan de limpeza, con carácter xeral, de cunetas e gabias en 61 quilómetros de estradas e camiños rurais de titularidade municipal. Este proxecto, que ten un prazo de execución de aproximadamente un mes, realizarase co dobre obxectivo de mellorar a drenaxe dos viarios e evitar a deterioración ambiental.

Estas actuacións permitirán previr os desbordamentos, a erosión da capa de rodadura e a aparición de fochancas, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio. Os traballos de limpeza tamén están dirixidos a protexer a cuberta vexetal autóctona para evitar a proliferación de especies vexetais invasoras e a conseguinte degradación ambiental.

O alcalde, Valentín González Formoso, explicou que estes traballos, que inclúen tamén a limpeza de tubos atrancados, a sucidade das marxes e a roza da vexetación existente para devolver as cunetas e gabias ao seu estado orixinal, suporán unha inversión de 126.873 euros, con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2018.

Serán varios equipos os que traballen na limpeza de cunetas e gabias mediante o emprego de medios mecánicos e, as tarefas de acondicionamento realizarase en todo o ancho da cuneta.

González Formoso incide en que estas actuacións acometeranse en zonas moi transitadas, nas que os riscos de deterioración son altos e levaranse a cabo, entre outras, nas parroquias de Ribadeume, Bermui, San Pedro de Eume, Aparral, Pontoibo, Freixo, Deveso, Espiñaredo e a Vilabella, sumándose ós traballos de limpeza, mantemento e preservación da seguridade viaria que, desde fai anos, o Concello das Pontes levan a cabo nos viarios municipais.

Quinta fase do Poboado do Barreiro

Por outra banda, o Concello das Pontes licitou, hoxe, a quinta fase das obras de mellora de servizos e pavimentos no Poboado do Barreiro por valor de 160.014 euros, con cargo ó Pos + 2018  da Deputación da Coruña.

Esta proxecto, que inclúe a renovación dos pavimentos e das zonas verdes, executarase seguindo a tipoloxía e criterios das fases anteriores co obxectivo de mellorar a accesibilidade  e estética en todo o Poboado.

Esta actuación  permitirá, tamén,  a substitución e separación da rede de saneamento de augas pluviais, a mellora do alumeado público coa instalación de doce novos puntos de luz, a súa canalización e conexión á rede eléctrica así como a renovación do mobiliario urbano.