Skip to main content
ActualidadeVilalba

Cheri Grandío, concelleira de Cultura e Mercados de Vilalba: “As festas son un incentivo para a cultura e o turismo”

Por 26 Agosto, 2018Sin comentarios

Cheri Grandío dirixe este ano a Consellería de Cultura nas que serán as súas primeiras festas patronais tras acceder a este posto representativo o pasado mes de outubro. Para ela, ao igual que para o resto dos vilalbeses, estas festas conxugan a máis pura tradición e a modernidade que aportan as novas correntes pero sen dúbida, un dos momentos importantes das festas para ela é o Certame Literario Concello de Vilalba que deu a coñecer ao seu gañador o luns 20 de agosto.

Para a Concellería o Certame de Poesía é un fito importante nas festas.

Sen dúbida, este premio ten moita relevacia a nivel galego e estamos moi orgullosos do seu desenvolvemento, xa que este ano tivemos unha gran participación con 57 traballos presentados e xa estamos na edición número 44, polo que eses datos mesmos xa explican a súa relevancia.

Hai que lembrar que este Certame mantense polo noso compromiso pola defensa da lingua. Antes eran premios de 3.000 euros e este ano subímolo a 7.000, porque a categoría do premio e dos traballos que recibimos así nolo indicaban. Ademais, queremos aportar deste xeito a nosa axuda á lingua galega, xa que esta zona é prolifera en persoaxes ilustres. Anteriormente, nos 60’, existía o Certame Literario da Terra Chá, e facíase con outros concellos, pero dende 1975 o Concello de Vilalba retomou o certame en solitario. Primeiro facíase dividido en dúas variantes, narrativa e poesía. Pero como hai máis premios en Galicia de narrativa, dende fai 20 anos deixámolo só de poesía, para incentivar esta práctica e fixámolo sempre a celebrar polo San Ramón.

A raíña da festa segue a ser unha tradición arraigada aínda que sexa extraña para Galicia.

É unha tradición moi arraigada. Hai que dicir que tivemos algunas críticas porque só eran nenas as que facía o papel de raíñas, pero eu xa o dixen, que estou aberta a que poidan apuntarse nenos tamén. Para evitar problemas, consultei no concello por se había algunha norma ou algo que impedira a participación, e non existe nada que o impida. Así, eu engadiría un apartado nas bases para que se apunten os rapaces tamén de cara ao próximo ano. Pero está claro o de ter raíñas gusta xa que este ano apuntáronse moitas máis rapazas. Sempre viñan sendo 7 damas e 2 raíñas, e este ano hai unhas 12.

A Xira ano a ano parece que ten a súa propia entidade.

Pois si. E é curioso xa que a Xira comezou orixinariamente a celebrarse despois do San Ramón, así o fin de semana seguinte ás festas a xente xuntábase preto do río para comer as sobras que quedaran da festa. Cos anos acadou tantísima importancia, que se decidiu facer un día máis de festa. Fumos engandindo días e agora xa facemos catro. Primeiro faise a Xira da 3ª idade e a fin de semana é a vez da xuventude, que non ten que ver coa tradición de xuntarse a comer, senón que os rapaces van alí e constrúen as súas casetas para a festa, levan comida e bebida, e están preto do río nunha festa ininterrompida de tres días. Quéndanse a durmir e pasan dous días evadidos do mundo.

Que podemos dicir do Día da bicicleta?

A súa idade, 25 anos, dino todo, o mesmo que a  enorme participación que ten, o feito de que non teña carácter competitivo… é unha gran celebración familiar que non podemos perder.

En que consiste o Día das Parroquias?

Somos 29 parroquias en Vilalba  e todos os veciños veñen ás festas, así que xa fai anos, decidiuse adicar un día a cada unha das parroquias, o último día das festas, e como é tradicional que veña a xente das parroquias, pois decidimos adicalo a cada unha delas.

Comezamos por orde alfabético, e este ano tócalle a Lanzós. Eles organizan como queren o día, simplemente avisánnos un pouco do que vai pasar, hai misa, hai actos musicais, ou ben nenos vestidos de galegos, carros con vacas, un ano houbo un carro cun poni nunha aldea, xuntámonos na igrexa e facemos unha ofrenda a San Ramón, as veces hai pinchos cos veciños da parroquia. Cada ano é diferente e cada ano é tamén especial.

E a xuntanza da Terra Chá?

Este é o momento das nosas festas adicado aos veciños do resto da comarca da Chaira. Este ano Esta organizada polas mulleres da xuntanza de Castro de Rei que fan unha pequena comida no Parador e invitan a todas as asociacións  de veciños da Terra Chá. É un momento para compartir e para reafimar a unión.

Que supoñen para o concello estas festas?

Son un incentivo para a cultura e para o turismo. Hai moitísima xente de vacacións que acude a esta festa. Moita xente de fóra que tamén nos visita. É o que teñen os actos culturais e as festas tradicionais, que gustan a todo o mundo. Eu lembro de pequena que o San Ramon e o San Froilán eran as festas máis importantes da zona, o epicentro das parroquias da Terra Chá.

Nos ultimos anos engadíronse ou cambiaron as cousas?

Este ano intentaron facer cousas novas, aínda que a tradición mantense.  A comisión de festas sempre tenta mellorar e traer cousas novas, para chamar ao público, pero é unha cuestión da comisión de festas. Nós podemos aportar ideas, pero a decisión é cousa deles. Sempre trátase de compaxinar actividades culturais con outro tipo de actuacións,  como cine ao aire libre, deporte, un pouco cubrir todos os gustos.

Neste tempo ao frente da concellería, hai carencias?

Carencias e necesidades hai sempre, porque sempre se quere mellorar e facer cousas, pero a base de todo é o diñeiro ou o orzamento, xa que as veces queres facer cousas e non se pode. Pero sempre que vexo cousiñas intento saber como poder traer cousas para Vilalba. Actividades para nenos, para xente maior. Eu intento sempre que poido traer cousas boas e de calidade, como o da música na praza, teatro, ou otras cousas. Pero a verdade é que hai que escoitar á xente e analizar as súas necesidades e inquietudes e tratar de mellorar sempre. Por exemplo, a xente está contentísima co auditorio Carmen Estévez, a forma que ten de funcionar, as instalacións e é algo que hai que aproveitar. Agora tamén estamos tratando de contratar e facer os pregos para o Auditorio.

Que che gustaría engadir á programación cultural de cara ao futuro?

Culturalmente sempre habería que buscar o que esté en auxe, como teatro ou concertos. En tema festas teño outras ideas, non quere dicir que sexan mellores nin peores, pero a nivel xeral a idea é seguir potenciando todos os temas culturais e traer o mellor para cada parroquia. Estamos traballando coas parroquias os temas dos cursos ou obradoiros, como o de primeiros auxilios. E que ao final a xente das parroquias están algo olvidados. Isto, por exemplo faleino coa interventora, e  o que non quero é contratar un autobus para traer a xente a Vilalba, o que quixen foi descentralizar as cousas, e tratar de meter as parroquias nestas actividades. O que fixemos como proba foi levar o autobus de ciclo de maxia polas parroquias e tivo moitisima acollida. Foi unha moi boa idea. E despois xa fixemos o tema dos cursos e quedaron encantados. Para estes cursos presentáronse dúas empresas distintas: Cruz Vermella e Xogos da Amizade, que finalmente repartiron os cursos. Tiveron moita afluencia de xente e quedaron todos encatados. Tamén teño en mente facer en cada escola ou centro social algún tipo de actividade para os nenos, contacontos ou teatro ou algo así. Os máis dificiles de contentar son a xente nova, xa que non teñen as ideas tan claras como os demais, unhas veces queren unha cousa e logo queren outra. Ademais, ás veces rexeitan un proxecto só porque alguén do PP o trouxo e creo que iso é un erro. Eu miro a persoa non o partido político, pero non todo o mundo o fai así, por iso creo que a xente moza é moito máis crítica con nós, por eso son os máis dificiles de contentar e de facer actividades para eles que lles gusten.

Unha parte importante da concellería é de cultivar as asociacións ou este tipo de grupos culturais?

Pois desde o concello tentamos mostrar o máximo apoio, cedémoslles locais para reunións e actividades, e tamén teñen subvencións nominativas para poder facer os seus labores. Un exemplo tamén é a colaboración que tentamos manter sempre en actividades como o IESCHA ou o premio Agustín Fernández Paz. O que tentamos sempre é colaborar con eles e mostrar o noso apoio.

FEIRAS

As feiras non pasan de moda?

Nunca, e máis as nosas que teñen produtos típicos e tradicionais. A feira do Capón e a de San Simón son feiras moi boas, que atraen moito público e gañamos moitos adeptos todos os anos. Este ano será o 25 aniversario do San Simón así que faremos unha cousa máis especial. Coa feira do Capón conseguimos a denomiación de orixe, pero estamos á espera da Consellería, xa que non saben aínda como facelo. O problema que hai co capón é que é moi de xente maior e habería que adaptar as explotacións aos tempos de hoxe, como fixeron co queixo San Simón, onde a xente nova púxose as pilas.

A feira mensual ten novidades.

A feira mensual é o primeiro de mes sempre e cando o día 1 non sexa domingo, senón pasaría ao seguinte. Temos pensado facer algún cambio, sobre todo na rúa Calvario, xa que hai postos a ambas beiras da rúa, e se pasa algo é dificil que pase unha ambulancia ou outro servicio sanitario. Así que a nosa idea é sacar unha marxe de postos e traelos para a praza da Constitución, xa que así quedaría liberada a rúa do Calvario e porque así traeríase máis vida a esta parte da praza, e sería todo unha unión. Esperamos facelo para a de outubro.

Haberá cambios cos feirós?

A xente de Vilalba practicamente non vai aos feirós. Estabamos barallando dende o concello cambiar o día ao domingo para que coincida coa feira. Os martes e os venres son os días do mercado e case podería dicir que hai máis xente ese día que o día do feirón. E que o que vemos é que ese día está desaproveitado. Pero temos que ter permiso da Xunta. Hai que ter en conta tamén os comercios e outros servizos, porque ás veces non están polo labor, xa que é lóxico que queirán descansar. Pero cremos que é unha oportunidade para este tipo de negocios, que dende o noso punto de vista poderían aproveitar este tirón de xente, como un reclamo para o comercio vilalbés.