Cospeito convoca a primeira edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con  Culturalia GZ convocaron o I Certame de Poesía Torre de Caldaloba, co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e, asemade, fomentar a creatividade e estimular a creación poética.

Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, calquera que sexa a súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.

A organización deste certame estableceu dúas categorías, para menores de 18 e para maiores desta idade con dous gañadores en cada un dos grupos. O gañador maior de 18 anos recibirá 1.500 euros de premio e a publicación da obra mentres que o segundo non terá cuantía económica pero si poderá ver publicada a súa obra. Por outra banda, o gañador infantil recibirá un lote de libros e una tablet e o subcampión terá de premio un libro electrónico e outro lote de libros.

As bases contemplan para os maiores un límite de entre 300 e 600 versos e para os pequenos o límite estará nos 60 versos.

Para todos os interesados en participar, o prazo de presentación de traballos finaliza o 4 de outubro e pode facerse por correo ordinario, no Concello de Cospeito sito en Avda. Terra Chá n°29, Feira do Monte, 27377, Cospeito, Lugo; ou por sede electrónica.

O fallo do xurado farase público o día 26 de outubro e o premio entregarase o día 3 de novembro de 2018 na sede do local social municipal de Pino.

Etiquetas