Skip to main content
Actualidade

Remata o proceso de ampliación da escola infantil de Outeiro de Rei

Por 30 Agosto, 2018Sin comentarios

A escola infantil municipal de Outeiro de Rei ofertará o vindeiro curso 61 prazas fronte ás 41 das que dispoñía ata o de agora, grazas á obra de ampliación deste centro executada co apoio da Xunta.

As actuacións, xa rematadas e listas para o novo curso, supuxeron unha remodelación integral do centro, xa que ademais da ampliación do espazo interior e dos patios exteriores, acometeuse unha obra de mellora na cuberta.

Para comprobar o resultado dos traballos ata o centro desprazáronse esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Pardo e do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Lugo, José Ángel Santos.

Máis de 200.000 euros de investimento

Alí explicaron que o investimento conxunto para executar estes traballos supera os 200.000 euros, e para o seu financiamento o Concello de Outeiro de Rei contou co apoio da Xunta.

A axuda máis elevada, 145.700 euros, foi con cargo ao Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR), que depende da Consellería de Medio Rural, pero tamén achegaron recursos a Consellería de Política Social e o propio Concello.

A ampliación busca dar resposta á gran demanda de prazas de gardaría que hai neste municipio onde a escola estaba completa e incluso contaba con lista de agarda. As 20 novas prazas están dirixidas a grupos de todas as idades preescolares.

“Grazas aos novos espazos e equipamentos a escola ve aumentada sensiblemente a súa capacidade, polo que se ofrece un servizo máis completo de atención á infancia e de conciliación, moi útil para as familias do municipio”, dixo o delegado.

Máis espazo, mellores servizos

A obra de ampliación, que xa está finalizada, conta cunha sala para nenos de 0 a 3 anos de 40 metros cadrados, con zona de descanso para berce, independente pero comunicada coa anterior. Tamén se inclúe unha zona de aseo, adaptada ao rango de idade, que inclúe bañeira para os bebés e mobiliario específico para os máis novos.

A ampliación tamén inclúe o aumento de espazo na zona de patio interior en 47 metros cadrados. Trátase dun patio interior central con gran iluminación exterior, que se emprega como sala mutiusos cando as condicións climatolóxicas así o aconsellan e non se permite saír aos patios exteriores.

Os novos espazos inclúen un almacén de 37, 24 metros cadrados, e un novo patio exterior, comunicado directamente coa escola de 118 metros cadrados, que complementa ao existente na fachada oposta de 131,15 metros cadrados. En ambos foi renovado o pavimento de caucho existente.

Pola súa banda, os traballos de remodelación do espazo máis antigo incluíron o cambio de pavimento en linóleo, no interior das edificación: aula, vestíbulos, despachos e no repintado de todos os parámetros interiores.

O Concello tamén executou unha obra complementaria, que consistiu na mellora da cuberta en panel de sándwich, que iguala todo o edificio, multiplicando as condicións de illamento, impermeabilización e mellorando a evacuación de augas pluviais.

Un centro autosuficiente desde o punto de vista enerxético

Outra das características máis destacables da escola é que é practicamente autosuficiente desde o punto de vista enerxético, xa que dispón dunhas placas fotovoltaicas que, en condicións normais, permiten soster o consumo en enerxía eléctrica e calefacción.

Para finalizar, delegado territorial da Xunta aproveitou a visita para salientar a utilidade das axudas autonómicas, en particular das que se xestionan a través dos GDR e da Axencia de Desenvolvemento Rural, “pois, tal e como se observa, poden ter tamén un fin social, en proxectos promovidos por concellos ou entidades sen ánimo de lucro”.