Skip to main content
ActualidadeVilalba

Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba: “As festas sempre actuaron coma un reclamo de xente”

Por 1 Setembro, 2018Sin comentarios

O San Ramón está a piques de comezar e xa son varias as actividades festivas que deron comezo. Para o Concello, non deixa de ser o acto principal do ano, ao que se destinan moitos esforzos. O alcalde da vila, Agustín Baamonde, explícanos como se ven as festas e os plan para a localidade.

As festas son un momento importante para o concello. Cal é a súa función?

Pois como ocurre en todas as festas xa non só no San Ramón, son unhas festas que aínda sendo Vilalba unha vila urbana, en realidade teñen moito compoñente rural, porque Vilalba é o centro dunha estrutura de parroquias que son as que manteñen a vida de vila, e que son as que participan nas festas. Polo tanto para o concello é un momento importante para facer a honra ao Santo como corresponde. E tamén é o momento para recibir á xente de Vilalba que está fóra e que aproveita o marco das festas para visitar á familia e dar unha volta cos amigos. Tamén volven emigrantes, algúns retornados, ou xente de vacacións que poñen punto e final ao seu tempo de asueto con esta festa. Por isto, un dos números grandes do San Ramón é a sesión vermú, inevitablemente. É, digamos, un acto multicultural e pluralísimo onde se enreda e onde se xunta todo tipo de xentes de Vilalba e que se aproveita para falar con aqueles que levas tempo sen ver, ou para facer os comentarios e as cousas de rigor, por eso teñen un carácter entrañable. Para o concello claro que supón un gasto económico importante, pero máis incluso que o aspecto económico é o aspecto organizativo, porque toda a infraestrutura organizativa das festas apórtaa o concello. Aportamos por exemplo o Certame Literario, que o facemos coincidir coas festas; participamos tamén coa Xira da 3ª idade, preparamos as instalacións da área recreativa da Madalena para o seu uso e desfrute na Xira, toda a parafernaria como palcos e escenarios necesarios para que as festas funcionen, iluminación…. Pero é un esforzo que merece a pena e é un esforzo que se ve recompensado porque as festas sempre son un éxito, aínda que ás veces o tempo é rabudo co San Ramón.

As festas de San Ramón son sen dúbida unhas das máis importantes da comarca.

Certamente teñen moita relevancia por dúas razóns, loxicamente, porque son unhas festas que están moi ben ubicadas no tempo, xa que coinciden co fin das tarefas agrícolas, é o momento en que se acaba o tratamento da herba ou as mallas e aínda non comezou o seguinte ciclo que se abre normalmente co outono. Segundo, é que son unhas festas nas que participan a xente do rural, os de cada parroquia. Tamén é porque Vilalba é unha vila con importancia na contorna na que nos movemos, é unha vila de paso de moita xente que tamén fai unha aportación económica importante ás festas. Antes falaba da sesión vermú, pero outro dos grandes condicionantes son as verbenas, que normalmente amenizan as mellores orquestras de Galicia porque sempre o San Ramón tivo esa fama de verbenas extraordinarias. Certo é que vaise cambiando co tempo e agora as verbenas poden ter outras connotacións, outras bromas, antes por exemplo unha das verbenas grandiosas de San Ramón era a do día da feira, hoxe en cambio a do día da feira como é o último  momento do último día pois redúcese, pero este ano coas dos días 30 e 31 esperamos alcanzar a máxima afluencia de xente. Pero é por esa participación da xente do rural e a interacción de todos os vilalbeses.

A nivel turístico supoño que as festas implican máis visitantes.

As festas de San Ramón  sempre actuaron como reclamo de xente e, por suposto, é un reclamo turístico máis. Ademais da xente que digamos que por tradición vén aquí, están esas xentes emigrantes da contorna próxima como Bilbao, Barcelona ou Madrid, incluso en Europa, que solen vir no mes de agosto e ademais todos teñen como remate obrigado as festas. E iso que o collen moi xustiño, por eso nese sentido si que xoga un gran papel como reclamo turístico e de promoción da imaxe de Vilalba.  En canto ao turismo, pois a historia se repite, xa que como se dicía antes este país vive da emigración e do turismo. E efectivamente o turismo ten un repunte formidable, supoño que inflúen as circunstancias de que competidores do turismo como eran antes o Mediterráneo ou Oriente Medio a situación social e política non facilita moito que a xente vaia para aló, e un contixente importante aproveita para vir a España e a Galicia. O camiño de Santiago loxicamente representou un empurrón extraordinario para dar a coñecer Galicia e evidentemente como reclamo turístico, e logo o efecto cascada, todos os demais concellos, vilas e aldeas están tratando de aproveitar ese continxente importante de personal que nos visita. Agora ben, sempre ao final acudimos os dous recursos extraordinarios que ten Galicia e que son comúns en todos os pobos,  que é a paixase, que é formidable e Vilalba non é unha excepción, e a gastronomía. Pero despois, a partir de aí, artellar un reclamo turístico que non sexa accidental, non é doado, téñeno máis fácil nos pobos da costa, evidentemente coas praias. Os que estamos no medio, como Vilalba, que nin esta no interior ni está na costa, senón que son tránsito, tamén é máis complicado, pero tamén temos unha ventaxa importantísima que é o ser punto de paso obrigado por moita xente, ben sexa buscando a praia ou outro lugar. Despois está o turismo de interior, que ás veces a xente vén a montaña, ou para aislarse nalgún paraxe, pero tamén temos o turismo cultural, onde contamos con vestixios culturais potentes para poder atraer á xente. Eu creo que nesta vía podemos avanzar, aproveitando a presenza do museo, e o realce que lle dá toda a cultura do paleolítico; temos deseñada unha ruta arqueolóxica formidable, que arrinca desde Pena Grande, segue pola pedra Chantada que é unha especie de menhir, vai ao castro de Codesido, despois ao castro de Gondaisque e remata na roza das momias en San Xoán de Alba. Tamén estamos intentando poñer en valor o Monseiván, xa que mostra unha vista espectacular da Terra Chá, alí subido enténdese perfectamente porque se chama así. Despois tamén para fixar a esa xente que pasa pola zona ou xente que vén ex profeso só á praia fluvial, xa que é un espazo que ten moitas actividades, cunha dotación formidable de río, de xogos, de tenis, do parque acuático…. Entón temos que aproveitar estas características do lugar, aproveitar o noso potencial. Tamén dicir que estamos deseñando unha campaña de información turística, é dicir, coa colocacion de elementos de identificación dos lugares máis reseñables e incluso pola vía tecnoloxica, é un labor con moito traballo tras de si. Eu espero que de cara ao ano que vén podamos telo listo.

Cal é o obxectivo dese plan?

Estratéxicamente falando o que hai que facer é que veña a xente, e despois que se sinta cómoda aquí, entón hai que traballar por unha banda na dotación de servizos para que sexa atraínte vir a Vilalba. Temos moito que ofrecer como un centro de saúde, hostelería en condicións ou espazos de ocio, temos un auditorio extraordinario, unhas instalacións deportivas moi boas, malia que hai que mellorar os espazos urbanos, a rede de estradas e moitas máis cousas. Esta dotación é a que hai que traballar.

O emprego é un tema importante. Que pode facer o concello?

O concepto de emprego é moi abstracto e non hai solucións máxicas. Os concellos poden tomar medidas directamente ou indirectamente, pero tamén hai medidas que dependen do goberno central ou do autonómico. O concello só ten a capacidade de contratación directa e por iso é a empresa máis potente na creación de emprego. De feito, a plantilla nosa non é moi grande, somos 80 persoas. Pero entre risgas, complementarias e demais subimos todo o ano de 100 empregados. Por exemplo, Entrepinares, está convertindo a súa fábrica nun referente, Besnier, ou o Grupo Sanjurjo, pois o que podemos facer é apoialos administrativamente, xa que xeran empregos directos e indirectos, e darlles facilidades. Xa sei que hai que apoiar a todos, e por iso tamén apoiamos ao pequeno e mediano comercio. Tamén estamos ampliando en 300.000 metros cadrados o polígono industrial, que desde que puxo en marcha a principios dos anos 80, vai crecendo e xa son case 100 empresas as que están traballando alí, hai parcelas vacías pero que están vendidas. O problema que temos é que non se puxo a cláusula de reversión de parcela en caso de non traballala nun tempo determinado e temos algunhas desocupadas ás que non podemos acceder. Agora xa nas novas bases pusemos esas notas.

Que supón para Vilalba o Camiño de Santiago?

Ten a súa parte positiva e negativa. Por unha parte é unha das eidas gravísimas da Administracion.  Aínda que é unha moi boa iniciativa turística, hai problemas como en todos os lados. Refírome á apertura de comercios na zona do Camiño, ou vivendas particulares, xa que tristemente convértese nun pesadelo burocrático. Con tanto papeleo faise imposible facer algunhas cousas, como por exeplo se vives a pé do Camiño e tes que cambiar unha ventá ou pintar, tardan un ano tranquilamente en contestarche. Outro exemplo é o comercio que quere abrir na urbe de Vilalba, xa que o Camiño pasa por este trazado, pois se xa ten bastantes trabas no trámite local, imaxina as trabas do Camiño, como dicir que as letras do rótulo non valen ou cousas así. Por iso comeza a convertirse nun problema, pero paréceme prudente tomar certas medidas e estándares, xa que tampouco podese deixar que a xente faga o que queira.

Cales son agora mesmo as necesidades de Vilalba?

Pois as necesidades sempre son continuas e permanentes. A primeira é rematar o chan industrial. Despois pois eliminar os problemas que temos coas tormentas de verán na depuradora, porque como na época estival non chove tanto, vanse acumulando nos colectores porquería e sempre é a finais de agosto cando chega a tromba de auga cando se produce o problema. Aínda que a depuradora ten unha dimensión de sobra para 15.000 habitantes que nin de lonxe chegamos, ten unha capacidade de tratamento determinada, e o día da tormenta chegan moitísimos millóns de litros máis de auga, e para colmo os aliviadeiros van a unha zona do río que é bastante chan e está represado, así que nos monta un lío monumental. A solución sería facer unha rede separativa, que non levaría á depuradora máis que as augas residuais que si as podería tratar e as pluviales irían ao río. O problema é que para facer isto, todas as rúas de Vilalba deberían facer ese separativo e colocar dúas tuberías, non valería de nada facelo só nalgunhas rúas, e isto levaría tempo e diñeiro. A outra idea que temos é facer un tanque de tormetas, que non é tan perfecto, pero elimina todos os sólidos en suspension e axuda a que a estética do río non sexa tan atroz, como é no momento que salta o aliviadeiro. Tamén a xente pide solucións no abastecemento de auga, supoño que todo será polo cambio climático, xa que os consumos de auga nos períodos de seca forte como nos do ano pasado, había días que estábamos suministrando en cisternas 70.000 litros ao rural. Agora hai moitos nucleos rurais que están comezando a pedir abastecementos estables de auga. Pero a traída non se pode extender moito máis, estamos xa no límite. Cos tempos que corren imaxinamos que en poucos anos Vilalba terá que facer unha captación de auga e eso que temos unha vantaxe, que é que non só captamos dun sitio.

Servizos sociais, necesidade imperiosa a atencion as persoas maiores?

As prioridades da política é obvio que están cambiando, antigamente eran os camiños e estradas. Hoxe en día o que se demanda é a nivel de ocio, sanidade ou servicios sociais, tanto en persoas maiores como en nenos. Aquí puxemos en marcha unha das garderías con 120 prazas e aínda hai lista de espera. E despois o problema do centro do hospital-asilo que non funcionaba e puxemos a unidade de alzeimer con 15 prazas, aínda que nos queda completar a dotación da Xunta. Dar cobertura a Galicia rural co SAF, que é o máis potente de toda Galicia, con 200 usuarios. Estamos gastando preto dun millón e medio de euros. E temos tamén o centro ocupacional, que ten 25 rapaces e fan un traballo extraordinario.

Cales son os proxectos máis inmediatos?

Temos pendiente un proxecto de execución sobre o tamaño da avenida Terra Chá deica a carretera de Meira e levamos batallando coa Consellería durante anos. Temos xa o proxecto, que son 650.000 euros, pero vai con cargo aos orzamentos da Xunta 2019. A idea é desenvolvelo a partir de xaneiro se todo vai ben. Tamén estamos traballando no aparcadoiro, en cousiñas da rúa da Pravia…. hai que pensar as cousas pouco a pouco.