Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta propón conectar as beirarrúas de Cidade de Viveiro e o polígono

Por 7 Setembro, 2018Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de presentar unha nova iniciativa, a defender no Pleno Ordinario de setembro. Trátase dunha nova moción na que, en base a cuestións de seguridade, pretende dar resposta a unha vella reivindicación de toda esa veciñanza que día a día sae camiñar, bordeando o Polígono pola LU-P-6502, isto é: a coñecida coma estrada de Lanzós. Unha estrada que, ademais de con Lanzós, conecta a céntrica Rúa Cidade de Viveiro co Polígono Industrial de Sete Pontes  e cuxa concepción orixinaria representa un verdadeiro perigo para os/as peóns.

A proposta semella simple: Conectar, pola vía dun arcén paralelo á LU-P-6502, a beirarúa da Rúa Cidade de Viveiro co primeiro tramo de beirarrúa no Polígono Industrial. Mais as complicacións para Vilalba Aberta poden vir na medida en que terá que facer de ponte entre o Goberno Municipal de Vilalba e o actualmente á fronte da Deputación”, din.

A este respecto se pronunciaba o seu voceiro, o edil Modesto Renda, asegurando que “O perigo latente que representa para a veciñanza a ausencia de beirarrúas e/ou de arcén no tramo de estrada, debería esixir da máis leal das colaboracións entre as institucións que din representala”.

Neste sentido a iniciativa que, ademais de esixir do Concello a pertinente solicitude á Deputación a fin da construcción da beiravía, instará no seu segundo punto á colaboración institucional tamén de cara á mellora do firme do conxunto da estrada, en base ao reivindicado pola veciñanza da parroquia de San Simón.