Vilalba Aberta afirma que continúan as queixas polo servizo de recollida de lixo

A asemblea de Vilalba Aberta anunciou que volverá trasladar ao Pleno as “desoídas reivindicacións veciñais”, relativas ás continuadas deficiencias no sistema de recollida de lixo das parroquias.

A formación, fai así de novo visibles as dificultades coas que se atopan os veciños e veciñas do rural vilalbés froito da “caótica xestión municipal” dos seus residuos e a “total pasividade” do equipo de Goberno e mailo Alcalde, diante do que definiron coma unha prestación de servizo absolutamente “precaria e discrecional” e cuxa calidade cualifican de “inaceptable” para un Concello da entidade de Vilalba.

Na mesma liña se pronunciaba o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen urxiu ao Alcalde a “escoitar á xente que di representar e acometer coa maior brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos nas parroquias”, pola vía  dun estudo que aporte os datos necesarios para arranxar un problema que, lembrou, “carrexa un impacto social moi negativo, tendo en conta ademais dos problemas de salubridade, o impacto pouco decoroso que estivo a xerar nos visitantes que se achegaron a Vilalba no recentemente rematado período de festas”, concluíu.

Etiquetas