Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro de Rei propón unha rebaixa do IBI para vivendas que usen enerxía alternativa

Por 25 Setembro, 2018Sin comentarios

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, anunciou que o BNG proporá que o concello rebaixe o Imposto de Bens Inmobles ás vivendas que incorporen enerxías alternativas. Segundo informou Ferreiro “haberá que elaborar reformar a ordenanza do IBI para que se inclúan as seguintes cuestións que propón o BNG e que serán beneficiosas para o propio concello e para as veciñas e veciños”.

O BNG reclama, a través da iniciativa que leva ao pleno do concello, a rebaixa do tipo impositivo ao mínimo legal que contempla a lei e que se contemple a máxima bonificación posible para aquelas vivendas que incorporen para o seu funcionamento enerxías alternativas sostibles e respectuosas co medio ambiente. Xosé Ferreiro engadiu que o BNG tamén insta ao Alcalde e ao Goberno Municipal “a que elabore unha convocatoria pública e con bases obxectivas destinadas a subvencionar o pago dos impostos municipais por parte de familias que teñan uns ingresos por debaixo do salario ou pensión mínima, respectivamente (ou do límite que o Pleno determine.”

Para o BNG non se xustifica non ter o IBI ao mínimo legal “se se ten en conta que o goberno municipal non é capaz de gastar unha boa parte do orzamento de cada ano e tampouco os remanentes de tesourería que ten de anos anteriores”. Ferreiro lembrou que “a presión sufrida polas veciñas e veciños polas empresas eléctricas é cada vez e maior, converténdose nos últimos meses en algo que empeza a ser insoportable”.