Skip to main content
ActualidadeBegonteFriol TERRACHÁXARábade TERRACHÁXA

O Servizo de Prevención de Drogas comarcal inicia este outono unha serie de actividades

Por 1 Outubro, 2018Sin comentarios

O Servizo de Prevención de condutas aditivas da agrupación de concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade, realizará tres actividades totalmente gratuítas a desenvolver nos vindeiros meses e que requiren de inscrición ata o 22 de outubro nalgún dos concellos da agrupación.

A primeira actividade leva por nome Creando cine. Trátase dunha actividade dirixida á mocidade a partir de 14 anos na que o docente e Director de varias curtametraxes premiadas a nivel nacional e internacional, Alfonso Díez Veiga, utilizará o cine como recurso idóneo para afondar na análise da realidade, na conciencia crítica e no autocoñecemento persoal dende unha perspectiva lúdica e educativa. O curso, eminentemente práctico, ten a finalidade de datar ao alumnado de coñecementos e recursos para a súa progresión na creación audiovisual. O curso Creando cine” terá unha duración de 10 sesións de 90 minutos a desenvolver durante os meses de novembro e decembro e versará sobre o cine como arte, o guión, a pre-produción, a produción audiovisual, a distribución e marketing e o estreo.

DEIXAR DE FUMAR

Un ano máis o Servizo de Prevención aposta pola saúde da cidadanía a través do Programa de Deshabituación Tabáquica, coordinado polo Servizo de Prevención e dirixido pola Psicóloga da AECC de Lugo Roza Marina Zas Castro. O programa ofrece apoio terapéutico e diferentes vías de asesoramento ao longo de 7 sesións en semanas consecutivas e 3 a maiores de recordo para alcanzar e consolidar o  obxectivo común: abandonar a súa adición ó tabaco.

Este logro persoal maniféstase xa no día a día dos ex-fumadores de terapias anteriores, nos que a mellora na calidade de vida, na superación persoal e no manexo emocional é unha realidade.

PRIMEIROS AUXILIOS

Esta actividade dirixida á comunidade en xeral ten a finalidade de capacitar aos participantes na adquisición de coñecementos elementais a aplicar ante situacións de urxencia sanitaria, proporcionando coidados inmediatos imprescindibles para salvagardar a vida nun momento determinado. O curso distribuirase en 3 sesións presenciais de 2 horas cada unha durante os meses de xaneiro e febreiro.

Os interesados en recibir máis información deberán dirixirse á Coordinadora do Servizo de Prevención Beatriz Traveso, á web www.prevenciondedrogas.es ,  a través do correo electrónico prevenciondrogas@rabade.org ou por contacto telefónico nos propios concellos.