O BNG de Cospeito logra o apoio do Pleno para aumentar as batidas contra o xabarín

O Bloque Nacionalista de Cospeito conseguiu tras a intervención no último pleno que a Xunta de Galicia fixese unha batida contra o xabarín.

A Concelleira Yolanda García fixo un rogo no último pleno, celebrado a última semana de agosto, para que aumentasen as batidas, concretamente na zona de Red Natura, que abrangue as parroquias de Goas, Santa Cristina e Cizallo. “Todos os anos lembramos ao equipo de Goberno a necesidade de facer batidas por esta época pero este ano quixemos centralo nesta zona porque está protexida e é máis complicado facelo”.

Segundo explica a concelleira nacionalista, todos os veciños da zona están sufrindo continuos ataques nas colleitas de millo e pataca e se están a producir numerosos accidentes de tráfico causados por estes animais “malia que afortunadamente non se produciu a perda de ningunha vida”.

Yolanda García ao final certificou que a batida realizouse a pasada semana despois de que se solicitase aos veciños firmas de apoio a esta medida para dirixir á Xunta de Galicia.

“Está claro que temos que ter unha armonía entre a fauna salvaxe e os gandeiros e con dúas batidas ao ano non chega”, indica.

Etiquetas