Vilalba Aberta amosa a desconformidade dos comerciantes co cambio dos postos da feira

Vilalba Aberta trasladará no vindeiro Pleno a total desconformidade dos comerciantes da Rúa do Calvario coa decisión que, a través da Concellería de Feiras e Mercados, pretende levar a cabo o Concello de Vilalba, relativa ao cambio de localización de ao menos unha quincena de postos da Feira local. Un sentir, extensivo ao da totalidade dos vendedores ambulantes que feira tras feira colocan os seus expositores á súa marxe esquerda e que, coincidido coa mensual do día 7, pasarán de xeito definitivo a instalarse na Praza da Constitución.

Dende a formación asemblearia aseguran compartir o obxectivo do traslado, isto é: aliviar un pouco a rúa e deixala con máis espazo para un mellor tránsito no caso de que se produzan emerxencias. Mais, a este respecto, e tal e como se preguntaba o seu Concelleiro e edil, Modesto Renda,  “non resultaría máis lóxico que a solución a esta problemática pasara pola reubicación dos postos no espazo máis desaproveitado Recinto Feiral?”… “A nosa opinión é que si” – continuou – pois, “deixando a un lado a inexistencia de precedentes nos cales se procedera á división dunha feira nun Concello que conta para a súa celebración cun campo específico; a reubicación dos expositores nunha zona na que – sen ir máis lonxe – dous dos seus tres cobertizos construídos se atopan en total desuso, daría pé a unha solución que, sendo totalmente acorde coa concepción orixinaria do Recinto, redundaría positivamente nos intereses de comerciantes, vendedores, así coma tamén nos do conxunto dunha veciñanza e visitantes, cuxa comodidade estaría asegurada de se revitalizar o percorrido primixenio que se pensou no momento mesmo do deseño e posterior construción dunha localización que, entre todas/os, temos o deber de preservar.”

Neste senso a iniciativa, a fin de que o Concello de Vilalba rectifique na súa decisión de trasladar ao menos 15 postos á localización da Praza da Constitución e proceda á recolocación destes expositores no espazo actualmente en desuso do Recinto Feiral Municipal, respectando a concepción orixinal do mesmo e evitando así o esmorecemento dunha zona, outrora punteira para o comercio de Vilalba e a súa contorna.

Ademais, a formación asemblearia esixirá do Goberno Municipal que faga público o Plano coa relación actual de postos/zonas ocupadas do conxunto do Recinto.

Etiquetas