Catro asociacións de mulleres da Terra Chá reciben unha achega

 Catro asociacións de mulleres recibiron unha subvención da Secretaría Xeral da Igualdade xunto a outras oito da provincia de Lugo. En total, a Xunta destina  destinou 18.200 euros a apoiar a actividade de doce asociacións de mulleres da provincia de Lugo no marco dun programa para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres.

As entidades  beneficiarias na Terra Chá foron a Asociación de Mulleres Rurais Agarimo, Amuraxe, Asociación de Viúvas Carmiña Prieto Rouco e Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomé de Insua. A primeira recibirá unha achega de 600 euros, a xermadina terá 1.630 euros mentres que as outras dúas asociacións vilalbesas terán 442 e 283 euros, respectivamente.

Do resto da provincia recibirán axudas Afammer, Asociación de Mulleres Rurais Ledicia, Asociación de Viúvas Julia Minguillón, Asociación Corazóns Artesáns, Mulleres en Igualdade de Burela, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a Asociación de Amas de Casa de Ribadeo e a Asociación E-Deidades.

As achegas están orientadas a consolidar o movemento asociativo e  promover actuacións e actividades en materia de igualdade. Os beneficiarios poden compensar gastos correntes para o seu mantemento e funcionamento  así como levar a cabo a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade.

Mentres se anunciaban estas axudas abriuse unha nova convocatoria destas achega ás que poderán concorrer todas as entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.

NOVA CONVOCATORIA

En canto á nova convocatoria, conta cun orzamento de preto de 418.000 euros e sufragará programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.

O prazo para solicitalas estará aberto ata o vindeiro día 24 de outubro. As bases poden consultarse no DOG do 24 de setembro.

Etiquetas