O Concello de Guitiriz indica que a cor escura da auga é debido a un alto contido de ferro

O Concello de Guitiriz indicou aos veciños que a auga da traída, aínda que presenta unha cor escura, é perfectamente potable segundo as últimas análises.

Segundo explican dende a localidada, dende comezos da época estival, xunto coa época seca, na que as precipitacións foron escasas, a auga que suministra o concello, no nucleo de Guitiriz, presenta unha cor escura. Esta cor, que sempre é máis forte no verán, estaba máis presente, pero este ano agravouse.

Despois de facer as comprobacións oportunas, detectouse que o nivel de ferro na auga embalsada no pantano de San Xoan é moi elevado, máis que outros anos. De feito, a auga que procede da serra do Cordal de Montouto  presenta uns niveis normais, radicando o problema no propio pantano, no que acumulación de ferro nos últimos anos elevouse a tal punto que produce esa cor na auga.

As instalacións existentes para potabilizar a auga, situadas no lugar de A Torre, non permiten eliminar ese ferro, segundo aclaran, polo que “estamos intentando resolver o problema  á maior brevidade posible de forma provisional para finalmente co tempo necesario poder  solucionalo de forma definitiva”, aseguran dende o Concello. “De todos os xeitos, contactouse con varias empresas para intentar minimizar o problema cos equipos dos que se dispón”, engaden.

As analíticas realizadas na auga indican a súa potabilidade pero continuarán facendo estas análises nos seguintes días “para garantir o seu uso”, conclúen.

Etiquetas