Vilalba Aberta cualifica de vergoñento o estado no que a auga da traída chega a numerosas vivendas

Vilalba Aberta esixirá responsabilidades ao Concello, logo de ter constancia do deplorable estado co que a auga da traída está a chegar a determinadas rúas de Vilalba. Unha problemática, que dende a formación asemblearia cualifican de estrutural, pois non é esta a primeira vez que na avenida Terra Chá, na rúa do Muiño ou en Plácido Peña, entre outras, a veciñanza se ve na obriga de acudir ao supermercado, en tanto que a auga da traída sale completamente turbia.

Na mesma liña pronunciabase o seu voceiro, o edil Modesto Renda, facendo patente a súa indignación logo de coñecer de primeira man o relato dalgunhas das familias e negocios afectados: “Non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa”. A este respecto, o concelleiro asembleario apuntou directamente á “responsabilidade de Concello e concesionaria” en tanto que encargada, esta última, “da calidade na subministración” e garante, o primeiro, da “correcta prestación” dun servizo público “elemental para o conxunto dos vilalbeses”.

Neste senso a iniciativa, a fin de que as continuadas peticións veciñais que, a través das redes sociais, reclaman unha solución por parte da empresa e o Concello conten con unha resposta clara e precisa tanto do Alcalde coma do Equipo de Goberno.

Ademais, Vilalba Aberta esixirá garantías no tocante á salubridade dos depósitos, a posta en marcha de medidas de control municipal a fin de que a concesionaria cumpra co establecido nos pregos de contratación e a creación dun fondo de compensación co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños no caso de que o problema volvera a repetirse.

Etiquetas