Skip to main content
Actualidade

O PP lembra nunha conferencia os problemas da non vacinación

Por 18 Outubro, 2018Sin comentarios

O Partido Popular de Lugo organiza a conferencia Os problemas da non vacinación que ofrecerá o doutor Carlos Quintas, Xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do HULA hoxe. xoves,  a partir das sete e media da tarde no centro social Uxío Novoneyra.

A conferencia organizada pola Comisión Provincial de Sanidade pretende difundir a necesidade da vacinación fronte á gripe coa finalidade de diminuír tanto o número de casos coma a gravidade que se poida derivar das súas complicacións. Deste xeito, “mediante a prevención, minimizaríase o impacto na nosa saúde”.

Durante a campaña do ano pasado, foron vacinados o 67,88% dos lucenses maiores de 75 anos superando en máis de 2 puntos a media da cobertura rexistrada en toda Galicia neste grupo de idade. Con todo, para a campaña deste ano que comeza o 22 deste mes, o obxectivo é o de incrementar o número de receptores en tódolos grupos de poboación a vacinar; pero, especialmente, no grupo de maiores de 65 anos.

Outras persoas con risco de complicacións son aquelas residentes en institucións pechadas, mulleres embarazadas, persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses que, por ter algunha patoloxía crónica, presentan maior risco de padecer complicacións derivadas da gripe, nenos e mozos con tratamentos prolongados de AAS. Tamén se recomenda a vacinación para os traballadores de centros sanitarios, estudantes en prácticas en centros sanitarios, persoas que traballan en institucións pechadas en contacto con persoas vulnerables, asistentes domiciliarios de anciáns ou persoas de risco, conviventes de persoas de grupos de risco e persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade.

A deputada autonómica e concelleira do Concello de Lugo, Encarna Amigo, que dirixe a Comisión Provincial de Sanidade, destaca que “somos afortunados de vivir nunha sociedade e nunha comunidade cun sistema de saúde dos mellores do mundo”. De feito, asegura que “temos unha das mellores sanidades públicas de España e de Europa”. Nese sentido, anima aos e ás lucenses a aproveitar de forma responsable os recursos que nos ofrece a sanidade galega para a que o Executivo autonómico destina más dun 40% do seu orzamento cada ano.

Currículo do conferenciante

Carlos Quintas é médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública e en Medicina do Traballo. Na actualidade, tamén ocupa o cargo de xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Lucus Augusti. Ademais, é membro da Sociedade Española de Medicina do Traballo e da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. Encarna Amigo destaca “a profesionalidade do doutor Quintas aos que os e as lucenses lle temos que agradecer os moitos anos de profesión durante os que nos ten brindado a súa atención”.

Achegando o Partido

O Partido Popular dá, así, continuidade ao seu compromiso de achegar o Partido á cidadanía. É que esta reunión non é unha actividade illada dentro das liñas estratéxicas desta formación, senón que complementa o traballo que se leva facendo neste campo nos últimos meses. De feito, esta conferencia súmase a outras iniciativas desenvoltas polo Partido en relación a educación, a sanidade, o sector primario ou as políticas sociais, entre outros temas.