A subdelegada do Goberno culpa á Xunta de que non se fixese a nova Comisaría de Policía en Lugo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, explicou hoxe que o Goberno está a espera de que a Xunta de Galicia resolva todos os trámites que ten pendentes para abordar a construción dunha nova Comisaría da Policía Nacional en Lugo.

A subdelegada do Goberno declarou que “a pelota segue no tellado da Xunta, que está obrigada a tomar a iniciativa logo de anular a devolución dos edificios da Vella Residencia”. A subdelegada lembrou que os edificios da Vella Residencia son de titularidade da Tesourería Xeral da Seguridade Social pero continúan estando adscritos á Xunta para fines sanitarios.

Isabel Rodríguez anunciou que o Goberno manténse á espera de que a Xunta tome unha postura definitiva e leve a cabo todos os trámites que ten pendentes.

A subdelegada lembrou que o Goberno de España permanece expectante despois de que a Xunta de Galicia, sorprendentemente, dera marcha atrás nos trámites realizados a principios de ano para recuperar a adscrición dos edificios do Pavillón Xeral e da Escola Universitaria de Enfermería ao deixar sen efecto a retrocesión dos mesmos. Ese acordo tomouno o Consello da Xunta o pasado 31 de maio, xusto antes do cambio do Goberno de España, e mantívose oculto, por razóns que non foron aclaradas, á cidadanía lucense que non tivo noticia del ata que o descubriu o novo Goberno.

Isabel Rodríguez tamén lembrou que o anterior Goberno de España non deu ningún paso real nin asumiu ningún compromiso firme para a construción dunha nova Comisaría en Lugo. Non houbo máis que palabras e promesas vacías, que non se traduciron en ningún proxecto nin en ningunha consignación orzamentaria.

Etiquetas