O BNG propón que o cartel do club se substitúa por un contra a violencia de xénero

O BNG propón que o Concello de Outeiro de Rei substitúa o letreiro que anuncia un local de alterne por un valado de publicidade institucional contra a violencia de xénero. Xosé Ferreiro explicou “achégase o 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, e o concello podería colocar cartaces nos catro campos municipais de fútbol e apoiar deste xeito a celebración deste día”. 

Xosé Ferreiro apuntou “facemos esta proposta en positivo por que así evitaríanse os perxuizoa económicos ao clube de fútbol e o concello podería ter un xesto institucional contra a violencia de xénero” e engadiu que “o Concello de Outeiro de Rei instala publicidade institucional en diversos soportes e sería factible que se fixera esta acción e dar un solución positiva a este asunto”.

Dende o BNG esixirase ao concello que regule a utilización das instalacións municipais e a publicidade que se instale nas mesmas e lembrouse que “ademais do que significa publicitar o comercio de persoas con fins sexuais para unha institución hai que lembrar que a esa instalación deportiva municipal acoden nenas e nenos que deberían estar apartados deste tipo de publicidade”.

Etiquetas