En Marea pide a Adif que escoite aos veciños sobre os pasos a nivel de Parga

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiu ao Ministerio de Fomento-Adif unha iniciativa parlamentaria para demandarlle que escoite e atenda á veciñanza de Parga (Guitiriz) moi preocupada polas negativas repercusións que terá o proxecto de eliminación dos tres pasos a nivel de levarse a cabo.

O deputado de En Marea explica ao Adif que o plan causou grande malestar en Parga pois vai supoñer a división de Parga en dous. “De feito, iniciouse un proceso de recollida de sinaturas para protestar contra o plan”. O proxecto contempla manter a vía férrea tal cal, vallar os arredores, e contruir un túnel soterráneo para o paso de vehículos na zona na que se ubica o principal paso a nivel e dous pasos elevados para o paso de peóns nos extremos do centro urbano.

O plan xerou moita oposición e malestar a nivel social e político, destaca o deputado. Defenden que se opte polo desvío da vía por fora da localidade dado que o deseño de Adif implicará dividir por completo a Parga, creando un Parga 1 e un Parga 2 e alterando a vida normal da poboación. “Preocupa como se encaixarían as dúas feiras mensuais que atraen a moita actividade, dinamismo e asistencia”.

O parlamentar de En Marea considera que a eliminación dos pasos a nivel nesta localidade pode ser unha boa oportunidade para permitir a cohesión urbanística, social e económica de Parga, levando a cabo un proxecto que satisfaga á veciñanza. Hai que lembrar, puntualiza, que Parga leva convivindo co ferrocarril desde 1875, unha infraestrutura que trouxo progreso pero que tamén tivo un impacto negativo.

“Coñece o Adif o malestar dos veciños e veciñas e de Parga polo plan de supresión dos tres pasos a nivel? Comprometeuse o Adif a acudir á localidade para explicar aos seus habitantes o plan? Cando vai ir? Está disposto o Adif a escoitar e atender os plantexamentos dos habitantes de Parga que son ao fin e ao cabo os directamente afectados? Que posición ten o Ministerio en relación á proposta de desviar a vía por fora do pobo?”, son algunhas das preguntas que formula.

Etiquetas