Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta pide que non se cobre aos veciños afectados polos problemas na traída

Por 14 Novembro, 2018Sin comentarios

No pasado mes de outubro, e logo de ter constancia do “deplorable estado no que a auga da traída estaba a chegar a determinadas rúas do casco urbano”, Vilalba Aberta esixía responsabilidades ao Concello diante dunha problemática que cualificaba de “estrutural”. Apuntaban nese intre ao Goberno coma garante da prestación dun servizo público fundamental, mais tamén á empresa concesionaria en tanto que encargada da correcta subministración. Neste senso, e ao tempo que reclamaban unha solución coordinada así como a pertinente asunción de responsabilidades tanto por parte do Alcalde coma pola da adxudicataria, dende formación facíase fincapé na posibilidade da creación dun fondo de compensación destinado a cubrir os recibos dos veciños afectados.

Un mes despois, e logo da persistencia dunha situación absolutamente insostible dende o punto de vista das familias e os negocios das diferentes rúas afectadas, a requirida comparecencia do Alcalde chegaba ao fin pola vía dunha breve declaración á prensa, na que Baamonde afirmaba ter contactado aínda agora coa empresa a fin de achar coa causa da problemática.

“31 días de vergoña e de inaceptable parálise municipal” denunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, quen volveu facer patente a súa absoluta indignación logo de coñecer un tras outro os relatos dos veciños afectados. A este respecto, animou á veciñanza a reclamar diante de concesionaria e Concello e anunciou, ao respecto do vindeiro Pleno, que esixirá que non se lle pasen os recibos posteriores ao pasado 1 de Outubro a ningún veciño residente das distintas rúas afectadas.

Ademais, dende Vilalba Aberta demandarán de novo garantías no tocante á salubridade dos depósitos, así coma o necesario endurecemento das medidas de control municipal á empresa adxudicataria.