O BNG esixe responsabilidades polo estado da auga da traída en Outeiro de Rei

“A pesares das advertencias continuas que dende o BNG se veñen facendo, o problema da auga en Outeiro segue sen solución e o alcalde non fai nada coa empresa concesionaria para que arranxe o problema, a pesares dos moitísimos cartos que se levan investido neste servizo”, indicaron os responsables deste partido no concello.

“A situación é aínda máis intolerable, se cabe, se se ten en conta que o concello de Outeiro ten a taxa por enganche da auga máis cara da provincia de Lugo, pois supera os 1.200 euros. Cando a veciñanza paga estes prezos, o normal sería ter unha calidade mínima na auga subministrada, cuestión que non ocorre”, engaden.

Segundo o BNG, un dos problemas radica no sistema de adxudicación que ten o concello de Outeiro, onde a gran maioría das obras e servizos municipais son adxudicados por sistemas que nada teñen que ver coa libre concorrencia, pois úsase maioritariamente a adxudicación “a dedo” ou a de “negociado sen publicidade”, termo metafórico para adxudicar a quen se desexa dende a alcaldía. “Logo pasa o que pasa, gástanse os cartos que alguén leva e os problemas seguen sen resolverse”, dixo manifestamente enfadado con este tema o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

“Non é tolerable que en pleno século XXI e nun concello coma Outeiro, onde a maioría da veciñanza ten que abastecerse obrigatoriamente de auga potable na súa casa enganchándose á traída municipal, sigamos a ter que comprar a auga en garrafas cada vez que caen catro gotas, e moito máis cando vemos que nos concellos do carón non teñen este problema a pesares de sacar a auga dos mesmos ríos e ter gastados menos cartos na depuración da auga”, conclúen.

Dende o BNG pedirase que a empresa concesionaria sexa sancionada duramente “por esta incompetencia” e, ademais, que lle sexa rescindido o contrato inmediatamente. “Por moi amigos que sexan do alcalde, non se pode tolerar que unha empresa lle tome o pelo a cidadanía como ocorre neste caso”, manifestaron dende o grupo municipal do BNG en Outeiro.

A contratación dunha empresa para este servizo por estritos criterios de competencia e prezo faise completamente imprescindible se queremos ter unha auga de calidade, cando menos coma a dos concellos da nosa contorna.

Etiquetas