A primeira reunión da organización da Moexmu 2019 adianta que non haberá cambios

A comisión organizadora da XXXV edición da Mostra Exposición de Muimenta – MOEXMU, continúa coas súas reunións de traballo encamiñadas á celebración que terá lugar entre o venres 5 e domingo 7 de abril do 2019. As edicións a celebrar son aXXXV edición da Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu, a XXXIII Concurso de Gando Frisón, a XXXIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXIII Poxa de Gando Selecto.

Xa tivo lugar a primeira reunión de traballo organizada pola Comisión Organizadora da MOEXMU con membros de Africor Lugo, na que tamén estiveron presentes parte da comisión de gandeiros que, dende o ano 1999, asesora ás diferentes comisións da Moexmu na organización do único concurso de gando que se mantén vivo na provincia.

A dita reunión tamén estiveron presentes o Deputado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Eduardo Vidal; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e varios concelleir@s.

Manifestouse e púxose en valor, unha vez máis, que o Concurso de Gando da MOEXMU será o único que se celebre na provincia de Lugo ao longo do vindeiro ano 2019.

A trinta e tres edición do Concurso manterase nas liñas de organización destes últimos anos, xa que todas as partes manifestaron que “se algo funciona ben, non debemos realizar grandes cambios”.

Aínda así, manifestaron a inquedanza, que a medio ou longo prazo, poden ter este tipo de eventos (o concurso de gando), xa non só a nivel provincial ou autonómico, debido a dous factores, tanto ao menor número de gandeirías que se manteñen, como á menor presencia de xente nova neste sector.

Etiquetas